A vítima permanece en estado crítico no Hospital Clínico de Santiago tras ser apuñalada varias veces no domicilio familiar.

O home acusado de acoitelar o seu pai en varias partes do corpo e deixalo ferido de gravidade continúa detido na comisaría da Policía Nacional de Ribeira. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), está previsto que o detido pase a disposición xudicial este luns.
A agresión tivo lugar na tarde do sábado, arredor das 14:30 horas, no lugar de Vixán, na parroquia de Carreira. Segundo fontes próximas á investigación, o incidente comezou dentro da vivenda familiar e rematou na rúa, onde varios veciños alertaron aos servizos de emerxencias.
Ao parecer, pai e fillo mantiveron unha discusión por un conflito antigo, que acabou derivando nun ataque con arma branca. O presunto agresor foi detido nas inmediacións do domicilio por axentes da Policía Nacional.
A vítima, que perdeu unha gran cantidade de sangue, foi trasladada inicialmente en ambulancia ao Hospital do Barbanza, e posteriormente ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde continúa en estado crítico.
Durante toda a tarde do sábado, axentes da Policía Científica traballaron no lugar dos feitos recollendo probas e indicios para esclarecer as circunstancias do suceso. No operativo participaron tamén efectivos da Policía Local de Ribeira.




