O Goberno de Dodro non consigue aprobar a suba da taxa do lixo e nomea a Moncho Reboiras fillo predilecto a título póstumo

13 Novembro 2025

O Concello de Dodro celebrou o seu pleno ordinario de novembro, no que a maior parte dos puntos da orde do día estiveron centrados na actualización das taxas municipais de distintos servizos.

PP, Unidade Veciñal de Dodro e Xente de Dodro tumbaron a suba da taxa do lixo obrigando ao concello a incumprir a lei. O pleno si aprobou o recoñecemento de Moncho Reboiras como fillo predilecto.

O goberno local logrou sacar adiante, cos votos de PSdeG, Unidade Veciñal de Dodro (UVD) e BNG, a suba das taxas de abastecemento, acometida e saneamento, unha medida que, segundo defenderon, responde á actualización anual do IPC recollida no contrato vixente.
Os grupos do PP e Xente de Dodro votaron en contra, o que lles valeu críticas do resto de forzas, que os acusaron de “populismo” e de incumprir un contrato “asinado por eles mesmos no seu día”.

Tamén se aprobou, cos mesmos apoios, o incremento das taxas dos servizos deportivos, proposta que novamente rexeitaron PP e Xente de Dodro. Desde Unidade Veciñal suxeriron estudar a creación dun abono reducido, iniciativa apoiada polo BNG, pero ambos os grupos insistiron en que “se se queren servizos, hai que mantelos”.

O alcalde, Xabier Castro, lembroulles ás formacións da oposición que o pavillón municipal foi inaugurado por eles, polo que deberían comprender que é necesario “usalo e mantelo”. Engadiu ademais que “esta taxa leva sen actualizarse desde 2014 e, aínda coa suba, o servizo segue a ser deficitario en 45.000 euros; isto si é subvencionar o deporte”.

Rexeitada a suba da taxa do lixo

A proposta de incremento da taxa do lixo, similar á que están aprobando a maioría dos concellos galegos, non prosperou ao contar cos votos en contra de PP, Xente de Dodro e UVD.
Unidade Veciñal, que apoiara as anteriores actualizacións, xustificou o seu cambio de voto en que o goberno “debería telo consensuado con eles”.

O alcalde e o voceiro socialista, Ramón Abuín, advertiron de que o rexeitamento supón incumprir a normativa vixente, xa que o aumento era “obrigado polo incremento das taxas de SOGAMA e pola nova lei que impide que a recollida de lixo sexa un servizo deficitario”. A negativa pode, segundo explicaron, acarretar consecuencias legais e económicas para o Concello.

Moncho Reboiras, fillo predilecto de Dodro

O pleno aprobou tamén por maioría absoluta declarar fillo predilecto a título póstumo a Xosé Ramón Reboiras Noia (Moncho Reboiras), ao cumprirse 50 anos do seu falecemento.
Natural de Imo, na parroquia de San Xoán de Laíño, Reboiras foi sindicalista e opositor á ditadura franquista, militante da UPG e impulsor da Fronte Cultural Galega.

Tras traballar en Astano (Ferrol), foi asasinado pola policía franquista en agosto de 1975, un suceso que provocou o exilio de moitos compañeiros a Portugal, recén saída da Revolución dos Caraveis.

O Concello de Dodro anunciou que organizará proximamente un acto de homenaxe no que se fará entrega da distinción á súa familia.

Outros artigos

A III edición da Noite Tradi encheu a praza da Igrexa de Ribeira

Este sábado 11 de xullo de 22 a 01:30 h celebrouse en Ribeira, na Porto do Sol (perante a Igrexa Parroquial de Santa Uxía) a terceira edición da Noite Tradi, organizada pola Asociación Cultural Bailadela e a Concelleria de Cultura de Ribeira. Contou coa actuación da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.