Ribeira incrementa a súa oferta cultural co tributo Las guerreras K-Pop. El musical, que fusiona a potencia dun concerto coa emoción do teatro musical. Seis artistas farán vibrar o novo Auditorio Municipal no 11 de xaneiro, ás 18.00 horas, con este espectáculo cunha posta en escena inspirada na estética e a enerxía do universo K-Pop.

Trátase dunha viaxe visual e sonora que celebra a arte, a diversidade e a forza dunha xeración con narrativa teatral e momentos visuais cinematográficos, música en directo, coreografías, proxeccións e efectos de luz envolventes, explicou a concelleira Ana Barreiro, engadindo que a trama sitúanos nun futuro onde a música foi silenciada e as emocións prohibidas, e neste contexto seis mozas descobren o poder do K-Pop.
“O novo Auditorio municipal é un espazo que queremos que se encha de cultura: música, danza, teatro… Queremos que sexa un punto de referencia a nivel, cando menos, comarcal e, por iso, traballamos para ampliar a oferta cultural. Desta vez, da man da produtora local Aquelarre, traemos un poderoso espectáculo para tódolos públicos, pensando especialmente na xente moza e fans do K Pop dirixido por Pedro Llaudes, recoñecido actor de El Rey León“, en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
A venda das entradas comezará no mércores, 26 de novembro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da Casa Consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 23 euros, máis gastos de xestión.





