O Concello de Boiro xunto coa Cruz Vermella de Boiro levan a cabo, nos centros de ensino do municipio, un proxecto interxeracional nomeado Descubrindo xuntos a nosa parroquia. A concelleira de Ensino, Carmen Silva, participou na mañá deste luns 24 de novembro na primeira das sesións que se levou a cabo no CEIP de Cespón xunto co presidente da Cruz Vermella, Julio García.

Segundo explicaron, este proxecto interxeracional nace “coa finalidade de fomentar o encontro entre xeracións a través do recoñecemento e transmisión do patrimonio local e inmaterial”. Participan no proxecto as persoas usuarias dos obradoiros de memoria da Cruz Vermella nas distintas parroquias que, co alumnado de infantil e primaria dos centros, comparten a súa historia, lembranzas e vivencias.
O proxecto está formado por distintas actividades como a elaboración dun mapa da memoria con lembranzas e lugares significativos; unha exposición de fotografías antigas; faladoiros para comparar costumes e modos de vida; saídas guiadas; entre outras.
O proxecto desenvolverase entre os meses de novembro e abril cun encontro mensual co obxectivo de potenciar a memoria autobiográfica e a estimulación cognitiva das persoas maiores; achegar aos máis pequenos á historia, tradicións e cultura da súa parroquia; favorecer o diálogo e o respecto interxeracional; e reforzar o sentimento de identidade e pertenza local.



