O BNG pedirá en pleno o acondicionamento da Eira da malla de Bexo con cargo á Deputación da Coruña

07 Novembro 2025

O BNG pedirá en pleno o acondicionamento da Eira da malla de Bexo con cargo á Deputación da Coruña.

O voceiro do BNG de Dodro Xoán Bautista Mariño e Xosé L. Penas Corral -no centro da imaxe- explicaron á veciñanza de Bexo as liñas de axudas ao Patrimonio que a Deputación da Coruña levará a cabo desde a área nacionalista.

Nese marco o BNG de Dodro pula por facer a primeira posta en valor integral da Eira da Malla de Bexo xa que, segundo din, “ata agora o Goberno en minoría do PSOE non fixo nada”.

Lembran que a Eira da Malla é un espazo centenario da aldea de Bexo e que “desde o pasado século converteuse no lugar onde se realizaban unha das tarefas agrarias máis importantes como era a malla de trigo, avea e centeo maioritariamente”.

Tamén, fóra desta actividade, foi sempre un dos lugares de reunión para toda a aldea.

Desde a súa utilización comunal agraria ata agora “nunca deixou de utilizarse”, recordan, sinalando que “a mediados do século pasado a veciñanza dirixidas polo señor Ramón de Bouzón, entre outros, puxeron parte do empedrado rústico para facilitar a malla e uns erguedeiros na parte alta para separar mellor o gran da casca con máquina movida manualmente; xa no último cuarto do século XX modernizouse coa máquina galega CAMPEVA movida polo motor dun tractor”.

O entorno complétase con graneiras: dúas graneiras de cinco claros da desaparecida familia Carlés agora de varios veciños e outra de catro claros na propiedade dos Buela.

Recordan tamén que a eira continúa sendo multifuncional pois desaparecida a malla segue a ser o conxunto -duns 500 m2- empregado para xogos populares e reunións veciñais, municipais ou de asociacións así como un dos primeiros sitios da aldea onde se facían as festas ao longo de todo o ano.

“Trátase pois dun lugar emblemático para a aldea e recoñecido en todo o municipio polo seu valor patrimonial”, sinala o BNG, engadindo que “nunca ata agora se fixo unha actuación grande para mellorar desde os accesos ata o propio conxunto e realzar así todos os elementos que forman parte do noso patrimonio agrario, cultural e etnográfico, e así o reclaman visitantes pero sobre todo veciñanza, asociacións e colectivos que usan este representativo lugar da aldea de Bexo”.

Así pois con esta moción os nacionalistas instan ao goberno en minoría do PSOE a solicitar o programa de subvencións a concellos para realizar actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal no ano 2026 da Deputación da Coruña, BOP número 197 do mércores 15 de outubro de 2025.

Tamén convidan ao Goberno socialista “a continuar con accións encamiñadas á preservar o noso rico patrimonio en todo o concello antes de que desapareza”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.