O Concello de Noia vén de adxudicar á empresa Iluminaciones Santiaguesa o servizo de iluminación ornamental durante as celebracións de Nadal, San Marcos e San Bartolomeu. O contrato, cun importe anual de 55.000 euros e unha duración de dous anos, garante estabilidade ao servizo e pon fin a unha década de contratacións irregulares.
O concelleiro de Facenda, Manolo Seijas, subliñou que esta adxudicación cumpre o obxectivo do actual goberno local de “poñer orde e legalidade na contratación municipal”, lembrando que o Tribunal de Contas emitiu varios requirimentos polo abuso do contrato menor no pasado, ademais dunha investigación en marcha por parte da Fiscalía.
Segundo explicou Seijas, o novo contrato permitirá “reducir o custo económico do servizo ao mesmo tempo que se amplían as zonas iluminadas da vila”, posibilitando unha planificación anticipada das campañas e un maior impacto na dinamización comercial e turística durante os principais eventos festivos.
Con esta medida, o Concello de Noia reafirma o seu compromiso cunha xestión eficiente, transparente e orientada a mellorar os servizos públicos e a imaxe da vila.




