Galicia quedará este mércores 5, baixo a influencia dunha borrasca moi próxima á comunidade, o que traerá consigo unha xornada de temporal marcada pola chuvia e o vento intenso.
Segundo a previsión meteorolóxica, agárdanse ceos moi nubrados con precipitacións fortes, especialmente nas provincias do sur e do oeste, onde as chuvias poderán ser localmente treboentas.
A medida que avance o día, as temperaturas experimentarán un descenso progresivo, tras comezar con valores inusualmente altos para esta época do ano(16-18 graos). Pola noite non se descartan folerpas de neve nos cumios máis altos.
O vento soprará do sur con intensidade forte e refachos moi fortes no litoral e nas zonas de montaña durante a primeira metade da xornada, rolando a oeste-noroeste ao final do día.


O noso mar: vento do sur á mañá, do sudoeste á tarde e do oeste á noite, forza 5 a 7 á mañá e á noite e 5 a 6 á tarde. Media vaga á mañá e á noite e forte marusía á tarde. Visibilidade regular. Mar de fondo do oeste, con ondas de 2 a 3 metros á mañá, 1 a 2 metros á tarde e 3 a 4 metros á noite.



