A concelleira de Ramala e experta en xénero puxo o foco na situación das mulleres, que mesmo chegan a dar a luz nos checkpoints pola restrición de movementos.

A palestina Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Cisxordania) e experta en cuestións de xénero, visitou este martes o municipio de Muros no marco dunha actividade organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o concello forma parte.
O encontro, celebrado no Local Social de Sorribos (Abelleira) ante un público numeroso, serviu para dar a coñecer a realidade que vive a poboación palestina. Kaoud explicou “como o pobo palestino foi e segue a ser expulsado do seu territorio pola creación de asentamentos de colonos israelís que fragmentan o espazo”.
A edil describiu as duras condicións ás que se enfrontan as persoas palestinas: “Róubannos as terras e restrinxen a mobilidade con cancelas de ferro que pechan de xeito aleatorio, obrigándote a agardar durante horas”. Ademais, denunciou que “hai mulleres que dan a luz nos checkpoints porque non as deixan pasar”.
A alcaldesa de Muros, María Lago, cualificou como “unha honra e un pracer ter en Muros a unha muller tan valente que é testemuña directa do xenocidio que sofre Palestina”. Pola súa parte, Laura Rivadeneira destacou “a dificultade de exercer a política en Palestina, especialmente sendo muller, polo que Hanan é un exemplo de dignidade e loita polos Dereitos Humanos”.
“O xenocidio non comezou en 2023”
Kaoud lembrou que o conflito non é novo: “O xenocidio non comezou en 2023, senón moito antes”. Denunciou que o suposto alto o fogo “non é real, porque tanto en Gaza como en Cisxordania seguen os bombardeos, que provocan o desprazamento masivo da poboación”.
A edil compartiu parte das súas investigacións, nas que recolle testemuñas de mulleres que “antes soñaban con volver ás súas aldeas, pero agora só desexan regresar aos campos de refuxiados para reunir á familia”. Segundo Kaoud, “Israel quere á poboación palestina ou fóra da terra ou baixo terra. Ese é o seu proxecto colonial”.
Tamén criticou o papel da comunidade internacional: “Diversas resolucións da ONU declaran ilegal a ocupación e recoñecen o dereito ao retorno, pero non se están a cumprir. Os estados europeos deben deixar de vender armas a Israel e recoñecer o Estado Palestino, como xa fixo España”.
As mulleres, vítimas dobremente
A concelleira de Ramala subliñou que as mulleres palestinas sofren “por partida dobre”, ao combinarse a ocupación militar coas desigualdades e a violencia de xénero. “Mesmo unha ministra israelí chegou a pedir o asasinato de mulleres palestinas por considerar que traen terroristas ao mundo”, denunciou. “Eu mesma, como política, sufro acoso e violencia, pero seguimos firmes e mobilizadas”, engadiu.
Kaoud defendeu a necesidade de “deconstruír as relacións de poder tanto na casa como nas institucións e na comunidade” e agradeceu “as mobilizacións da sociedade civil europea e o apoio de concellos galegos como Muros”.
“Accións coma esta dan forza e son fundamentais para manter viva a causa palestina”, concluíu emocionada. “Só cando pare a ocupación seremos libres. A ocupación é ilegal e ten que parar”.




