O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o listado dos 17 concellos costeiros que se encargarán da xestión dos servizos de tempada na zona de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) do seu litoral durante o ano 2026.
Segundo recolle o DOG, serán sete municipios da provincia da Coruña —Cabanas, Dumbría, Miño, Oleiros, Porto do Son, Ribeira e Valdoviño— e dez da provincia de Pontevedra —Baiona, Cangas, O Grove, A Guarda, Marín, Nigrán, Sanxenxo, Vigo, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa— os que tramitarán directamente estes servizos.

Primeiro ano coa xestión autonómica do litoral plenamente asumida
Trátase dun paso relevante tras o traspaso efectivo á comunidade autónoma, o pasado 1 de xullo, das funcións e servizos vinculados á xestión do litoral. É a primeira vez que a Xunta asume de forma directa a tramitación das solicitudes municipais para a explotación de instalacións, actividades, eventos e servizos de tempada nas praias e zonas costeiras pertencentes ao DPMT.
En virtude deste novo marco, as administracións locais serán as responsables de adxudicar a terceiros os servizos e actividades que se desenvolvan na franxa litoral do seu termo municipal, incluíndo a publicación dos anuncios oficiais cos prazos para presentación de ofertas e solicitude de participación.
Procedemento para concellos sen xestión asumida
Nos municipios que non teñan asumida esta competencia, as persoas físicas e xurídicas interesadas na explotación de servizos de tempada poderán solicitar autorización á Xunta entre o 17 de novembro e o 31 de decembro de 2025.
Ademais, eventos de curta duración —actividades, xornadas, competicións ou campionatos que non superen os 15 días— deberán solicitarse con un mínimo dun mes de antelación con respecto á data prevista de celebración.




