Clausurouse o Congreso Internacional “O Camiño de Santiago, encontro de culturas.
Unha filosofía da hospitalidade”, co-organizado pola Academia Xacobea, a Sociedade
interuniversitaria de Filosofía, a Sociedade galega de estudos Nipóns, e o Foro Galicia
Milenio, que presiden respectivamente os profesores Marcelino Agís, Javier Barcia, Alba
Iglesias e Rocío Carolo.

Ao longo de tres días, académicos pertencentes a distintas universidades españolas e
europeas, así como profesores de distintos países europeos e asiáticos, reflexionaron sobre
o que a peregrinación Xacobea ten achegado como encontro de persoas e culturas.
Polo Camiño de Santiago, e por outros Camiños de peregrinación doutras latitudes,
analizados especificamente no panel “Oriente no Camiño”, teñen viaxado ademais de
peregrinos, ou xunto con eles, ideas filosóficas, formas arquitectónicas, modas literarias e
artísticas, e un longo abano de experiencias creativas que a axudaron á comunicación e
encontro cordial ou hospitalidade cultural.
Precisamente, o tema da hospitalidade foi o segundo eixo temático sobre o que
reflexionaron os expertos reunidos en Santiago de Compostela. Os relatores salientaron
que, alén dun nivel humanitario de acollida no fogar, na propia casa, existe unha
fundamentación teolóxica na peregrinación xacobea que temos recibido da tradición
xudeocristiá: quen acolle a un peregrino é ao propio Señor a quen acolle.
Mais tamén a filosofía actual ten desenvolvido este concepto para falar dunha hospitalidade
lingüística e cultural que falicita o coñecemento e a comunicación cordial entre os seres
humanos.
O último panel, titulado “Nós no Camiño: ironía e hospitalidade”, estivo dedicado ao
pensamento galego, tendo epicentro a figura de Castelao, ao que se lle ten dedicado o
presente ano 2025.
Rematada a parte académica, foi entregado o V Premio Sapientia, nacido fai dez anos para
premiar a creatividade filosófica orixinal e o labor da filosofía propia no mundo, contando co
apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. Nesta edición o premiado foi o
Prof. Ángel González Fernández, catedrático de Filosofía da USC, autor de obras sobre
figuras senlleiras da nosa tradición cultural, entre outras Cunqueiro, Risco, Piñeiro ou
Castelao, e expresidente da Archicofradia do Apostólo.
A Academia Xacobea expresou a sua gratitude as institucións que patrocinaron este
congreso internacional e, en particular, a Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de
Galicia, así como as institucións que acolleron as sesións do congreso durante os días
13,14 e 15 de novembro: o Hostal dos Reis Católicos, a Facultade de Filosofía da USC e a
Afundación.
O presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís, anunciou o comezo dos traballos para
organizar no ano 2027, Ano Santo Xacobeo, o II Congreso Mundial, aproveitando a
experiencia acumulada no I Congreso mundial celebrado no ano 2021 e inaugurado polo
Rei Felipe VI.



