A Asociación Amicos celebrou este sábado o seu 25 aniversario cun emotivo acto no restaurante O Trapeiro de Lousame, que reuniu preto de 200 persoas entre usuari@s, familiares, profesionais, representantes institucionais e empresas colaboradoras. Un encontro marcado pola gratitude, a lembranza e o compromiso cun cuarto de século dedicado á inclusión e á igualdade de oportunidades.

Entre os asistentes atopábanse membros da Xunta Directiva da entidade, a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón; e os alcaldes de Lousame, Porto do Son e Ribeira, Esteban Ares, Luís Oujo e Mariola Sampedro, respectivamente. Tamén participaron representantes doutras administracións e empresas colaboradoras, como Jealsa e Vegalsa-Eroski, así como entidades deportivas e confrarías da comarca.
Durante a súa intervención, o director xeral de Amicos, Xoán España, agradeceu “a cada persoa que acode a Amicos, familia, traballador, empresa, entidade e asociación que confiaron e seguen confiando na entidade cada día”. Subliñou ademais que “o noso modelo centrado na persoa, a libre elección e o compromiso co medio ambiente fixeron de Amicos unha entidade viva, que evoluciona coas persoas e cos tempos. O noso reto agora é seguir innovando e ampliando oportunidades”.
O evento serviu tamén para facer un percorrido polos principais fitos da traxectoria da asociación, desde o seu nacemento no ano 2000 ata a súa consolidación como referente na atención a persoas con discapacidade intelectual e nas iniciativas de inclusión social e ambiental. A entidade destacou o papel das familias fundadoras, o compromiso dos profesionais e a colaboración das administracións e empresas que acompañaron o seu crecemento.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares, destacou que “é admirable que existan asociacións como Amicos” e comprometeuse a seguir colaborando coa entidade: “Contades co apoio do Concello de Lousame para continuar traballando”.
Pola súa banda, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, felicitou a Amicos “en nome do presidente e da conselleira de Política Social”, e sinalou que “é un orgullo ver como unha asociación se abre camiño e celebra as súas vodas de prata cunha folla de servizos que todo o que toca o fai luz”. Abeijón tamén puxo en valor o papel da rede asociativa galega “na loita pola inclusión e polos dereitos das persoas con discapacidade”.
A presidenta da entidade, Esther Vidal, pechou as intervencións lembrando ás familias que deron comezo ao proxecto: “Moitos dos cales non están e hoxe quero recordalos. É emocionante ver como todo aquel traballo desembocou no Amicos de hoxe”.
A celebración incluíu a proxección dun vídeo conmemorativo que repasou os principais fitos da entidade: a inauguración do Centro de Atención Integral de Boiro, o Fogar Amicos, o Centro de Educación Especial, e múltiples proxectos de impacto social e ambiental. Tamén houbo momentos de recoñecemento ás persoas usuarias e profesionais con máis traxectoria, así como ás empresas e institucións colaboradoras.

Unha entidade con alma e compromiso
Amicos é unha organización sen ánimo de lucro que traballa para xerar oportunidades e ofrecer apoios ás persoas con discapacidade intelectual, trastornos do espectro autista e parálise ou dano cerebral, así como ás súas familias. O seu obxectivo é acadar a plena inclusión e promover unha comunidade diversa, con conciencia ambiental e respecto polo patrimonio e a cultura.
Cun modelo de intervención centrado nas persoas, familias e comunidade, Amicos continúa avanzando con novos proxectos e alianzas para seguir construíndo un futuro máis inclusivo e sostible.




