
Entre as actividades programadas polo Concello de Porto do Son para celebrar o 25N, Día pola Erradicación da Violencia Contra as Mulleres, inclúese unha marcha colectiva, participativa e reivindicativa: a Andaina Contra a Violencia de Xénero de Porto do Son, de 12 quilómetros de percorrido (un roteiro circular), con saída fixada na praza de España ás 10.00 horas do domingo 23 de novembro. Segundo confirmou o Concello de Porto do Son, as persoas interesadas en participar xa poden sumarse á actividade enviando os seus datos á área de deportes municipal a través do correo electrónico osoncamina@gmail.com. Quen precise máis información pode obtela a través do 981 767 589 ou visitando a web municipal.
Axenda de Porto do Son ao completo (polo 25N)
-18 e 25 de outubro. Os sábados 18 e 25 celebrarase o 25N dende o ámbito cultural coa II Mostra de Teatro de Porto do Son, a veciñanza xa puido desfrutar das obras Vicio houbo sempre e Golpes, na Casa da Cultura de Porto do Son.
-14 de novembro. O Club de xubilados de Porto do Son acollerá, ás 10:30 h, a 9ª convocatoria da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero.
-23 de novembro. O 23 celebrarase a Andaina Contra a Violencia de Xénero, que terá un percorrido de 12 quilómetros e que sairá desde a praza de España ás 10:00 horas. As persoas interesadas en participar, poden sumarse enviando os seus datos á área de deportes municipal a través do enderezo electrónico: osoncamina@gmail.com. Máis información no 981 767 589.
-25 de novembro. O eido deportivo e educativo únense na Carreira Escolar Contra a Violencia de Xénero, que partirá ás 10:30 h desde o Parque do Brañón de Porto do Son. Todas as crianzas participantes recibirán un agasallo en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade.
-25 de novembro. O programa a prol da igualdade poñerá o punto e final co reparto do material da campaña de sensibilización Non á Violencia de Xénero entre o alumnado do IES de Porto do Son.



