
A Real Academia Galega celebrou este sábado no Parador de Muxía o Simposio das Letras Galegas 2025, derradeira cita presencial dun ano dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral. O encontro serviu para facer balance dunha edición que a institución cualifica como un éxito sen precedentes, especialmente polo impacto positivo entre a xente nova.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, destacou que “emociona constatar a positiva recepción destas Letras Galegas entre a mocidade, que goza da tradición e abre novos vieiros, conectando co uso e o coñecemento da lingua galega”. A académica María López-Sández, coordinadora do simposio, subliñou que esta edición “uniu dous mundos: o da cultura de masas e o asociacionismo e a alta cultura”, xerando unha enerxía que se viviu con intensidade en toda Galicia.
A secretaria da RAG, Ana Boullón, impulsora da candidatura das cantareiras, incidiu na necesidade de adaptar a tradición aos novos tempos para garantir a súa supervivencia e atraer á mocidade. Pola súa parte, o músico Xabier Díaz valorou que “foron as Letras Galegas máis expansivas, cun achegamento moi importante á sociedade en xeral”.
O simposio contou con relatorios e mesas redondas sobre os novos camiños da música tradicional, o papel das mulleres na transmisión da tradición oral e a intersección entre clase e xénero na poesía popular. A etnomusicóloga Xulia Feixoo abriu o encontro cun relatorio sobre a voz colectiva como forma de comunidade, mentres que investigadores como Domingo Blanco, Branca Villares ou Sergio de la Ossa achegaron análises sobre regueifas, cancioneiro e relación entre letra e música.
A cita pechouse cunha actuación da A.C. Abaladeiras de Muxía, que puxo o ramo a un ano no que, segundo Monteagudo, “as cantareiras de cada concello e parroquia foron homenaxeadas en todos os recantos do país, visibilizando e apoderando unha tradición centenaria que segue viva”.




