O municipio da Pobra do Caramiñal dará inicio ás celebracións do Nadal este domingo 30 de novembro, cun acto especial de acendido das luces e inauguración do tradicional Belén. A cita terá lugar ás 18.30 horas na praza Alcalde Segundo Durán, e contará coa participación do actor e músico noiés Serafín Marcos, que exercerá como mestre de cerimonias.

A concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, destacou que a iluminación é “esencial para ambientar o municipio polo Nadal, unha época de ledicia e de compartir tempo cos nosos seres queridos”. Ramos subliñou que as luces e a decoración funcionan como un aliciente para que veciños e visitantes saian ás rúas, dinamizando o comercio e a hostalería local.
Tras o acendido, terá lugar a inauguración do Belén da Pobra, situado na praza do Emigrante. Un ano máis, o deseño e montaxe corre a cargo da xardineira municipal María Sanmartín, que dá forma a esta recreación tan esperada. Ademais, os máis pequenos poderán gozar dunha chocolatada popular, pensada para engadir un toque doce e familiar á celebración.



