Este xoves 6 de novembro ás 18:00h, a Casa RIA (Virxe da Cerca 6, Santiago de Compostela) acollerá a mesa redonda Do monte á construción: madeira de proximidade para un futuro sostíbel, un encontro que reunirá representantes do sector forestal, da construción e das comunidades de montes para analizar o potencial da madeira galega como motor dunha transición ecolóxica baseada na proximidade, a innovación e a xestión responsábel dos recursos naturais.

Participarán Alfredo Fernández Ríos (Axencia Galega da Industria Forestal – XERA), Pepe Suárez (Hijos de Vicente Suárez), Pablo Vázquez Muñiz (Clúster da Construción de Galicia) e Alejandro J. Bacelos (Enpezas, construción modular), baixo a moderación de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña.
Ao peche da xornada poderase desfrutar dun magosto aberto ao público na Cantina dende as 18:00h ata as 20:00h. Haberá castañas, viño novo e cervexas a prezos populares.
Por cuestións de aforo, é necesaria inscrición previa escribindo a eventos@casaria.org.
No marco da xornada, a Fundación RIA impulsa tamén unha consulta pública aberta, dispoñíbel en liña, sobre o papel da madeira na transición cara a unha construción sostíbel, para estender o debate á cidadanía.
A actividade enmárcase no programa público da exposición do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto coordinado pola Fundación RIA e apoiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.Un proxecto colectivo para repensar o territorio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza xorde en 2020 como un proxecto colaborativo que, ao longo destes seis anos, foi reunindo comunidades locais, universidades, administracións e entidades sociais co obxectivo de actualizar e reforzar as prácticas de xestión comunitaria do territorio.
Partindo da historia e do coñecemento das comunidades de montes veciñais en man común, o Laboratorio combina investigación, planificación e acción práctica para impulsar un modelo de desenvolvemento multifuncional, cooperativo e respectuoso cos recursos naturais e paisaxísticos.ç
Tras unha primeira fase de investigación participativa e de recoñecemento das iniciativas innovadoras existentes na península do Barbanza, o proxecto consolidouse en 2023 grazas ao impulso de 2 millóns de euros da convocatoria de bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Este setembro, a falta duns meses do remate desta axuda, o proxecto foi recoñecido polo MITECO como unha das 39 iniciativas exemplares do PRTR, destacando entre máis de 1.000 proxectos subvencionados pola súa capacidade de coordinación entre axentes públicos e locais, e polo seu impacto ambiental e social no territorio.
Exposición en Casa RIA
Estes días pode verse na Casa RIA a exposición Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio, que propón un percorrido polas principais fases e aprendizaxes do proxecto. A través de paneis, mapas, imaxes e materiais audiovisuais, os e as visitantes de Casa RIA poderán coñecer a partir de hoxe como o traballo conxunto das comunidades de montes do Barbanza está a reverter procesos de abandono agrario, impulsar economías locais e fortalecer a biodiversidade. O acceso á exposición é libre no horario de apertura de Casa RIA (de luns a sábado, de 10 a 17 h). A mostra complétase cunha programación continua de actividades que se estenderán nos próximos meses, ata o peche da mostra o día 24 de xaneiro. En Casa RIA celebraranse conversas e debates abertos ao público, mentres que no Barbanza terán lugar obradoiros, visitas, accións de formación e actividades de voluntariado. O ciclo de encontros en Casa RIA incluirá cinco conversas ao longo dos próximos meses sobre temáticas vinculadas ao proxecto, como a xestión comunitaria do territorio, o uso da madeira de proximidade na construción, a gandería rexenerativa como ferramenta económica e ambiental, o papel das comunidades na transición enerxética e a formación no medio rural.



