A Deputación da Coruña premia cinco proxectos e traxectorias na 2º edición da Gala de Turismo

27 Novembro 2025

A Deputación da Coruña reuniu este xoves 27 de novembro no Porto de Oza – Marina Varadero ao sector turístico da provincia na segunda edición da Gala de Turismo, un encontro que en palabras da institución provincial “continúa medrando e que xa se consolida como unha das citas anuais máis relevantes para profesionais, entidades e empresas vinculadas ao turismo coruñés”. A gala serviu como espazo de recoñecemento, reflexión e impulso para un sector estratéxico que segue avanzando cara a un modelo máis sostíbel, competitivo e conectado coa identidade do territorio, engadiu a Deputación.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou o papel do sector como motor de desenvolvemento económico e social na provincia, especialmente nos concellos rurais. “O turismo non é un capricho nin un fenómeno pasaxeiro: é unha estratexia de futuro, capaz de xerar emprego, fixar poboación e dinamizar os nosos territorios”, apuntou.

Os proxectos e iniciativas recoñecidos hoxe representan “un modelo de turismo innovador, auténtico, de calidade e comprometido coa nosa terra”, subliñou Formoso, que lembrou que o sector turístico representa arredor do 13% do PIB galego e mantén 130.000 empregos.

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que “a II Gala de Turismo é unha oportunidade para seguir impulsando un modelo turístico comprometido co territorio, co conxunto da provincia e co seu futuro”.

Regueira destacou que “o sector turístico coruñés avanza grazas ao traballo diario de persoas, entidades e proxectos que saben que o turismo só funciona cando é capaz de xerar unha dinámica positiva para a economía local”.

Cinco premios que reflicten a diversidade e o talento do turismo coruñés

O xurado estivo composto por catro profesionais do ámbito do turismo e da comunicación: a xornalista Ana Iglesias, a profesora da UDC María Elvira Lezcano González, o divulgador gastronómico Jorge Guitián Castromil e o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González Pardal. Este comité foi o encargado de avaliar as propostas presentadas desde toda a provincia e de seleccionar as cinco iniciativas recoñecidas nesta edición polos seus valores de innovación, identidade, desenvolvemento e traxectoria.

O premio á Mellor iniciativa de innovación, calidade e sustentabilidade turística foi para Volta Montana, recoñecida pola súa aposta por experiencias responsábeis, innovadoras e de alta calidade. A deputada provincial Mónica Rodríguez entregou o galardón, que foi recollido por Micaela López e Cristina García Souto, en representación do equipo promotor.

Na categoría de Mellor iniciativa de posta en valor da autenticidade do territorio, o recoñecemento recaeu en Chichalovers, unha empresa que promove a identidade e singularidade da provincia a través de accións culturais e turísticas que fortalecen o arraigo e a memoria colectiva. O deputado José Ramón Amado entregou o premio aos seus fundadores, Graciela e Darío.

O galardón ao Mellor proxecto de turismo emerxente correspondeu ao Hotel Espazo Nature (Razo, Carballo), un proxecto que, malia a súa recente creación, xa se consolidou como un referente grazas á súa aposta por un turismo baseado na natureza, o benestar e a sostibilidade. A deputada Avia Veira entregou o premio, recollido por Laura Vázquez.

O premio ao Mellor proxecto de turismo enogastronómico foi para A Artesa da Moza Crecha (Betanzos), recoñecendo o seu compromiso coa cociña local, o produto de proximidade e a posta en valor da cultura gastronómica da comarca do Mandeo. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, fixo entrega do galardón, que foi recollido por Paula Martínez e Lolo Mosteiro.

Por último, o Premio á traxectoria – Toda unha vida dedicada ao turismo distinguiu a Carlos Rodríguez, profesor e secretario do CENP-Escola de Turismo da Coruña, cuxa carreira profesional contribuíu de maneira decisiva á formación e dignificación do sector turístico na provincia. O vicepresidente Xosé Regueira foi o encargado de entregarlle o recoñecemento.

A II Gala de Turismo da Deputación da Coruña concluíu cunha mensaxe unánime: o turismo provincial vive un momento de solidez, diversidade e capacidade de proxección. O compromiso institucional, xunto co esforzo das empresas, profesionais e iniciativas premiadas, evidencia a construción dun modelo turístico sostible, innovador e conectado coa realidade da provincia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Manuel ¿para qué sirve la música?”. Manuel Dominguez III

“Manuel ¿para qué sirve la música?”. Manuel Dominguez III

Manuel ¿para qué sirve la música? ¿Te podrías imaginar un mundo, la vida sin música, podrías vivir en ese mundo? Te imaginas ir al campo, y que faltase ese cantar del Mirlo o del Jilguero, que el silencioso fuese, tal silencio que hasta faltase el ulular del viento....

“Pensando nun futuro mellor”. Luís Celeiro

“Pensando nun futuro mellor”. Luís Celeiro

“O mellor está por chegar” é unha expresión que se lle atribúe a aquel recoñecido poeta inglés,Robert Browning (1812-1889), que tantas veces reflexionou sobre o sentido da vida, o paso dotempo e a vellez das persoas e das cousas. Sobre a esperanza no futuro, que vén...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.