A Deputación centra o acto do 25N nos discursos que disfrazan o machismo como unha libre elección ou estilo de vida

25 Novembro 2025

A Deputación da Coruña celebrou este martes o acto institucional do 25N, no que puxo o foco nos novos discursos que, baixo a aparencia de libre elección, reproducen roles de xénero considerados tradicionais e alimentan as violencias machistas.

A institución alertou da “presenza crecente, especialmente entre a mocidade, de correntes que idealizan a submisión feminina e reforzan a desigualdade a través de movementos como as tradwives, a estética coquette, a manosfera ou as manipulacións dixitais mediante intelixencia artificial”. O acto contou tamén cunha intervención artística da poeta e artista performativa Lucía Aldao.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que, desde que existen estatísticas oficiais, 1.333 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España, 38 delas só no que vai de ano, e advertiu de que estas cifras “non admiten matices nin equidistancias e obrigan a mirar a realidade de fronte”.

Subliñou que o lema escollido pola institución, De Fronte, expresa a única postura posíbel ante a violencia contra as mulleres: “De fronte aos maltratadores, ao recorte de dereitos, á neutralidade cómplice e aos discursos negacionistas que pretenden minimizar esta realidade e deixan as vítimas máis soas”. Reafirmou que a Deputación “estará sempre a carón das vítimas” e denunciou o avance de mensaxes que trivializan ou cuestionan a violencia de xénero.

Formoso destacou ademais “o compromiso real da institución”, que se traduce en recursos, políticas públicas e accións educativas sostidas. Lembrou que “en dez anos o orzamento de Igualdade incrementouse máis dun 100% e que se desenvolveron estratexias que inclúen cláusulas de perspectiva de xénero na contratación pública e a incorporación das competicións femininas no deporte provincial”. Valorou tamén o labor das Casas de Acollida da Coruña e Ferrol e dos programas educativos Suprime e Control, fundamentais nun contexto no que “o 30% das denuncias proceden de mulleres menores de 30 anos e un de cada catro mozas recoñece sufrir control por parte das súas parellas”.

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, denunciou que a violencia contra as mulleres “segue a ser estrutural, diaria e enraizada na desigualdade” e advertiu do avance de discursos que pretenden “disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida”.

A deputada apelou a manter unha resposta firme e colectiva fronte a quen pretende inverter os avances en igualdade e reafirmou o seu compromiso coa protección dos dereitos das mulleres en todos os concellos da provincia.

No acto tamén se procedeu a unha lectura coral do manifesto deste 25N, a cargo de representantes dos tres principais partidos da corporación provincial. Pechou o acto, novamente, Lucía Aldao.

Unha campaña que dá protagonismo á mocidade

A campaña provincial deste 25N inclúe unha xornada monográfica dedicada ás novas violencias e un circuíto de obradoiros interxeracionais que terán lugar en dez concellos da provincia. O programa complétase coa edición de unidades didácticas dirixidas á adolescencia e tamén a persoas adultas, destinadas a facilitar ferramentas para identificar, comprender e combater estas formas de violencia. Ademais, difundiranse materiais gráficos e audiovisuais —reels, infografías e outros contidos— que estarán dispoñibles na web defronte.gal.

Outros artigos

A ABE pecha a súa Campaña de Nadal cun balance” moi positivo”

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) fixo unha valoración "moi positiva" da súa Campaña de Nadal 2025-2026 desenvolvida en Boiro, unha iniciativa global de dinamización comercial que combinou accións de lecer familiar, actividades abertas á cidadanía e un sistema...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Cando o mundo volve á lei do máis forte” – José Luis Calo

“Cando o mundo volve á lei do máis forte” – José Luis Calo

Eu non son experto en política internacional nin en estratexias militases. Son un cidadán do día a día, dos que prenden a televisión, len as noticias e tratan de entender o que está a pasar co mundo no que vivimos. E o que vexo ultimamente con Donald Trump á fronte de...

“1.635” – Xulio Xiz

“1.635” – Xulio Xiz

A U.E. veu racionalizar determinadas festas neste país trasladándoas ao domingo inmediato, para harmonizar o calendario de traballo nos diversos países, aínda que en ocasións como o Nadal sigan existindo festivos e vésperas alternándose con tal ritmo que é difícil...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.