A Casa RIA vai acoller o vindeiro mércores 3 de decembro ás 18h unha xornada sobre gandería extensiva e o seu papel na prevención de lumes e na recuperación da biodiversidade dos nosos montes.
A sesión incluirá unha merenda inspirada no Barbanza, elaborada polo cociñeiro Iago Pazos de A Cantina e grazas ao apoio de Puraga. Degustaranse tres tapas de poldro maridadas con viños da comarca, poñendo en valor os recursos locais e as prácticas de pastoreo.

Isto será ao remate da mesa redonda, onde falarase de modelos produtivos que conectan economía local, soberanía alimentaria e sustentabilidade, situando a produción animal como aliada na protección do territorio.
Claudia de Sas, paisaxista na Fundación RIA, compartirá o traballo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza e moderará a conversa con:
— Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo no Laborate da USC
— Laura Lagos, enxeñeira de montes e doutora pola USC
— Joan Alibés, gandeiro e asesor na consultora Beealia
A asistencia á conversa e os petiscos posteriores require reserva previa na Rede, cun prezo de 12€ (gastos de xestión non incluídos).
A sesión forma parte do programa público da exposición do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que está financiado con fondos europeos grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. A coordinación do proxecto do Laboratorio está a cargo da Fundación RIA.
Para máis información podedes consultar a nota de prensa que achegamos, xunto coas imaxes que acompañan. Calquera dúbida ou material adicional poden contactar co Laboratorio Ecosocial do Barbanza a través de info@barbanzaecosocial.org.




