A Asociación Boirense de Empresas (ABE) vén de anunciar os gañadores da edición 2025 dos Premios ABE á Excelencia Empresarial, en palabras da patronal “un dos eventos máis agardados do ano polo tecido empresarial local”.
Na categoría de Mellor Comercio, o recoñecemento foi para Librería El Cisne, un establecemento histórico que leva máis de 40 anos en funcionamento. Dende a ABE lembran que “foi unha das primeiras librarías de Boiro e tamén do Barbanza, e é a única daqueles tempos que continúa aberta hoxe”. Ao longo das décadas “consolidouse como referente na venda de libros de texto, material escolar e de oficina, ademais de ofrecer servizos de copistería e distribución de prensa e revistas a domicilio”, sinalou a patronal.

O premio á Mellor Empresa recaeu en Bar Os Fornos, coñecido “polo seu ambiente familiar e a súa aposta pola gastronomía de calidade”. Destaca, en palabras do xurado, “pola elaboración dun dos pratos máis singulares da comarca: o costelar de tenreira XXL, pezas que poden alcanzar os 10 quilos e que se preparan cun proceso de maduración de 15 días e entre tres e catro horas de cociñado na grella, acadando un resultado exquisito e único na zona”.
O Premio de Honra ABE 2025 foi concedido a José Ramón Outeiral Lapido, xerente e director xeral do Grupo Outeiral, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa contribución á economía local. A ABE lembra que o Grupo Outeiral está conformado polas empresas Autos Ramón Outeiral S.L., con base en Boiro, e Autocares F. Senín S.L.U., con sede en Santiago de Compostela. Trátase dunha empresa familiar con máis de 75 anos de historia, fundada por Ramón Outeiral Piñeiro, dedicada ao transporte de viaxeiros. Desde os seus inicios, Autos Ramón Outeiral mantivo a súa actividade en Boiro, trasladándose en 2006 do centro urbano ao Polígono Industrial para dispoñer dunha nave máis ampla e moderna, onde actualmente alberga toda a súa flota e realiza labores de mantemento propias.
Participación
A participación desta edición acadou cifras históricas, con 65 empresas votantes e un total de 780 votos emitidos, o que supón un novo récord absoluto na historia dos Premios ABE. Como dato destacábel, 56 comercios e 64 empresas recibiron votos, demostrando “o forte espírito de colaboración e recoñecemento mutuo que caracteriza ao empresariado local”, salientou a asociación empresarial.
Gala de entrega de premios e convites
A gala de entrega dos premios celebrarase o venres 14 de novembro na Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro). Este ano, por primeira vez, o acceso será mediante entrada física con control na porta.
Os convites serán exclusivas para empresas asociadas á ABE, que poderán solicitalas e recollelas nas oficinas da entidade a partir do luns 3 de novembro, ata o mércores 12 ás 12:00 h.
Desde a Asociación Boirense de Empresas quixeron felicitar ás empresas gañadoras e “agradecer a todos os socios pola súa enorme participación, que consolida estes galardóns como un símbolo de unión, compañeirismo e orgullo empresarial en Boiro”, salientou a patronal, engadindo que “este récord de participación é a mellor mostra do compromiso e da forza do noso tecido empresarial. Os Premios ABE son xa unha celebración colectiva do talento e da dedicación das empresas de Boiro”.




