Ribeira pecha o acordo de compra da fábrica de Cerqueira, que pasará a ser patrimonio de toda a veciñanza

10 Outubro 2025

O Concello de Ribeira pechou formalmente, este venres 10 de outubro, a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira S.A., unha operación que converte o histórico edificio, símbolo do esplendor conserveiro da cidade, nun ben público ao servizo de toda a veciñanza. A sinatura do acordo fíxose na nave emprazada en Banda ao Río e participaron o alcalde Luís Pérez Barral, o representante da empresa Manuel Aldao e os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal.

A adquisición desta nave industrial responde ao interese do Executivo local por “preservar un espazo de alto valor histórico e patrimonial”. O rexedor quixo agradecer “a boa disposición da empresa para chegar a un acordo beneficioso para ambas partes” e destacou “o excelente estado de conservación no que se mantivo este edificio grazas ao coidado e compromiso da familia Cerqueira”.

Segundo explicou Pérez Barral, o inmóbel “converterase nun espazo público aberto a toda a veciñanza, no que se poderán desenvolver actividades sociais, culturais, deportivas e económicas”. O alcalde anunciou tamén que unha parte das instalacións acollerá “un pequeno Museo do Mar, destinado a poñer en valor o sector pesqueiro, a industria conserveira e as embarcacións tradicionais”.

“Quero parabenizar a toda a veciñanza de Ribeira, especialmente aos veciños e veciñas de Banda ao Río, porque van ter un espazo público que poderán usar ao tempo que conservan unha nave que tivo 135 anos de actividade económica vinculada á conserva”, declarou o alcalde.

Pérez Barral tivo tamén palabras de recoñecemento e agradecemento para a Asociación Veciñal e Cultural Bandourrío, “que sempre defendeu que esta nave debía ter un uso público e que fixo un labor moi importante para sensibilizar á veciñanza sobre o seu valor patrimonial e histórico”.

Ademais, o alcalde informou de que unha parte dos novos fondos europeos conseguidos polo Concello, que ascenden a un total 6,5 millóns de euros, destinaranse á rehabilitación e posta en valor deste patrimonio industrial, seguindo criterios de sustentabilidade e respecto pola estética tradicional.

Manuel Aldao valou positivamente esta compra por parte do Concello de Ribeira: “Para nós é unha satisfacción que isto se preserve e que podamos recordar a historia de onde vimos”. Salientou tamén o feito de que a veciñanza poida gozar destas instalacións “que seguramente terá múltiples cousas que se poidan programar nela”.

Finalizou sinalando “que ao longo dos últimos 20 anos dende a empresa investíronse moitos cartos para conseguir que a nave estea en perfectas condicións; renovaron as madeiras cando se ían deteriorando, adicamos moito esforzo, unha parte por necesidade e outra por cariño porque sabíamos que era unha forma de preservar a nosa historia”.

O Concello de Ribeira dá así un paso decisivo na protección do seu patrimonio arquitectónico e industrial, transformando un símbolo da súa historia económica nun novo espazo para o encontro e o desenvolvemento social.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...