Ribeira completa o 100% do cadro de persoal da Policía Local e reforza os medios materiais cun novo vehículo

07 Outubro 2025

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, recibiu este 7 de outubro o novo membro da Policía Local que se incorpora ao corpo municipal, completando o 100% do cadro de persoal que permite a lexislación vixente e consolidando un equipo policial totalmente operativo con 27 membros en activo aos que se suman 12 auxiliares -8 de xuño a decembro e 4 de xaneiro a xuño-. En datas recentes incorporáronse en total 4 novos axentes.

O rexedor expresou a súa satisfacción por alcanzar este obxectivo, que considera clave para reforzar a seguridade cidadá e mellorar a atención á veciñanza. “Hoxe é un día importante para Ribeira porque conseguimos completar o cadro da nosa Policía Local. Dispor de todas as prazas cubertas permítenos garantir maior presenza policial nas rúas e dar resposta ás demandas da cidadanía con máis rapidez e eficacia”, destacou Luís Pérez Barral, subliñando que a seguridade sempre foi unha prioridade dende a súa chegada á Alcaldía, e lembrou algunhas das accións máis destacadas emprendidas neste ámbito, entre elas, salientou a actuación fronte ao edificio das Avesadas, un inmóbel ocupado que supuña un risco para a convivencia veciñal e a seguridade. “Tomamos medidas decididas para recuperar a tranquilidade no barrio das Avesadas. Logramos o seu desaloxo e propuxemos que ese edificio fora destinado a vivenda pública, dando así unha saída social e útil a un espazo que antes era foco de preocupación cidadá”, explicou o rexedor.

Ademais, lembrou que o Concello, a través da Policía Local, levou adoito controis preventivos de consumo de alcol e drogas, campañas de seguridade viaria e educación cidadá, así como dispositivos especiais en eventos e zonas de maior afluencia. “A nosa prioridade foi sempre garantir unha Ribeira tranquila e habitábel. A Policía Local está a facer un gran traballo, tanto na prevención como na intervención, e seguiremos dotándoa dos medios humanos e materiais que precise”, afirmou Pérez Barral.

No mesmo acto, o alcalde anunciou que ao longo deste mes a Policía Local contará cun novo vehículo valorado en 38.000 euros, destinado a reforzar os medios técnicos do corpo. “A seguridade

require non só persoal cualificado, senón tamén recursos materiais actualizados. Este novo vehículo é un investimento máis na profesionalización e eficacia da nosa Policía Local”, engadiu.

Con estas melloras, o Concello de Ribeira continúa avanzando na consolidación dun modelo de seguridade pública próximo, eficiente e comprometido coa veciñanza, reafirmando o seu obxectivo de facer de Ribeira un lugar máis seguro, ordenado e con mellores servizos públicos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...