
O Concello de Porto do Son presentou a súa programación para conmemorar o 25 de novembro (25N), Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Haberá actuacións escénicas, unha nova xuntanza da mesa local contra as agresións, unha andaina reivindicativa dunha ducia de quilómetros (o 23 de novembro), unha carreira escolar (na propia xornada do 25) e unha campaña de sensibilización nos centros educativos.
-18 e 25 de outubro. Os sábados 18 e 25 celebrarase o 25N dende o ámbito cultural coa II Mostra de Teatro de Porto do Son, a veciñanza xa puido desfrutar das obras Vicio houbo sempre e Golpes, na Casa da Cultura de Porto do Son.
-14 de novembro. O Club de xubilados de Porto do Son acollerá, ás 10:30 h, a 9ª convocatoria da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero.
-23 de novembro. O 23 celebrarase a Andaina Contra a Violencia de Xénero, que terá un percorrido de 12 quilómetros e que sairá desde a praza de España ás 10:00 horas. As persoas interesadas en participar, poden sumarse enviando os seus datos á área de deportes municipal a través do enderezo electrónico: osoncamina@gmail.com. Máis información no 981 767 589.
-25 de novembro. O eido deportivo e educativo únense na Carreira Escolar Contra a Violencia de Xénero, que partirá ás 10:30 h desde o Parque do Brañón de Porto do Son. Todas as crianzas participantes recibirán un agasallo en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade.
-25 de novembro. O programa a prol da igualdade poñerá o punto e final co reparto do material da campaña de sensibilización Non á Violencia de Xénero entre o alumnado do IES de Porto do Son.





