Os activistas de Amicos chegan a Caldas de Reis da man AmiRíos

03 Outubro 2025

Os e as activistas medioambientais da asociación inclusiva da nosa comarca Amicos, persoas con discapacidade intelectual especializadas no coidado do medio, déronse cita na mañá deste venres, 3 de outubro, na Carballeira de Caldas de Reis para conducir unha xornada de sensibilización a través do xogo do proxecto AmiRíos. Na actividade participaron máis de 160 alumnos/as do CPI Plurilingüe Alfonso VII, o alcalde de Caldas, Jacobo Pérez; o técnico de orientación laboral de Amicos na zona, Pablo Penide; e Cintia Méndez, responsábel de Medio Ambiente, Hixiene Industrial e Sostibilidade de Clavo Food Factory empresa colaboradora de Amicos en materia de inserción laboral.

Neste marco de cooperación, achegáronse tamén a coñecer de primeira man o traballo que se está a desenvolver dentro do proxecto AmiRíos.

A zona acollerá ata o 7 de outubro unha exposición itinerante que busca concienciar sobre a importancia de conservar os nosos ríos, preservar a súa diversidade e realizar un consumo responsábel da auga. Esta está formada por un total de tres tótems informativos.

O acto comezou coa intervención dos axentes medioambientais de Amicos, que explicaron en que consiste o proxecto e o papel condutor e activista das persoas con discapacidade intelectual no mesmo. Alí falaron sobre o seu obxectivo de promover a participación activa de toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos, partindo da situación da zona hidrográfica Galicia Costa, en especial nas zonas centro e sur, e a protección da súa biodiversidade.

O alcalde afirmou que “estamos encantados de recibir un ano máis a Amicos, esta vez con este proxecto apoiado nas tres patas da sensibilización, a limpeza de ríos e a propia exposición itinerante ante a que estamos. É fundamental que a rapazada aprenda, que se divirtan aprendendo, o que asegura que vaia todo a mellor de cara ao futuro. Ademais, que sexan as persoas con discapacidade as que conduzan as actividades xoga un papel fundamental á hora de que @s máis cativ@s vexan que todos sumamos e que non hai diferencias como tal”.

A continuación, o técnico de Emprego de Amicos, Pablo Penide, quixo “agradecer ao Concello de Caldas de Reis, en concreto ao seu alcalde, por acompañarnos hoxe, vendo como se realiza a actividade, e á empresa Clavo Food Factory, para coñecer o proxecto e participar c@s nen@s nas distintas actividades que se están a levar a cabo”.

A maiores, a responsable de Medioambiente de Clavo Food Factory destacou que dende a empresa “cremos que o coidado medioambiental é unha responsabilidade compartida, e estamos encantados de colaborar con Amicos, sobre todo en iniciativas coma esta que non só melloran o medio ambiente senón que tamén fomenta a conciencia colectiva. A rapazada estivo moi animada, e vese que mediante os xogos é máis fácil de adquirir eses coñecementos de preservación e inclusión”.

Asemade, os axentes medioambientais conduciron varias actividades lúdicas nas que participaron 160 alumnos do CPI Plurilingüe Alfonso VII, e que xiraron en torno ao coñecemento da biodiversidade autóctona dos ríos galegos, o ciclo da auga e a situación dos mesmos.

AmiRíos é un proxecto promovido pola Asociación Amicos e financiado por Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...