O público ribeirense introdúcese no universo felino da man da escritora Ánxela Gracián

31 Outubro 2025

A alcaldesa de Ribeira participa na presentación do libro Honorata e a casa das palabras gardadas de Ánxela Gracián. A presentación celebrouse no Centro Cultural Lustres Rivas

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou hoxe na presentación do libro Honorata e a casa das palabras gardadas, da autora e tradutora infantil Ánxela Gracián, nun acto celebrado no Centro Cultural Lustres Rivas. O evento contou tamén coa presenza do escritor Antonio Piñeiro e da profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Marta Neira, que acompañaron á autora nesta posta de longo literaria.

Na súa intervención, Gracián convidou ao público a mergullarse “nunha viaxe polo mundo felino” a través das 152 páxinas da obra, nas que reivindica o poder dos libros como ferramenta para que as historias perduren no tempo. Tal e como destacou Marta Neira, Honorata e a casa das palabras gardadas é “un canto á amizade, á igualdade e ao respecto pola diferenza”, exemplificado a través dos numerosos gatos que crean vínculos e atopan un fogar onde os ratos lles contan relatos.

A alcaldesa María Sampedro salientou a importancia de transmitir estes valores ás novas xeracións a través da literatura. “A literatura permítenos viaxar traspasando os límites do tempo e do espazo para vivir historias reais ou ficticias, algo que cobra especial relevancia cando falamos dos nenos”, subliñou. Engadiu ademais que é necesario “contar cunha produción literaria abundante e de calidade para fomentar o hábito lector desde idades temperás”.

Sampedro tamén fixo referencia ao carácter persoal que toda obra literaria posúe: “Os escritores, dalgún xeito, falan de si mesmos nas súas creacións, pois só é posible escribir sobre aquilo que nos resulta coñecido. As páxinas deste libro non só transmiten unha mensaxe, senón tamén parte da esencia de quen o crea”.

Pola súa banda, o escritor e editor de Bourel, Antonio Piñeiro, exerceu de presentador e realizou un repaso pola ampla traxectoria de Ánxela Gracián, destacando a súa labor tanto na narrativa como na poesía. Piñeiro puxo de relevo “a dificultade que supón escribir para o público infantil, ao ter que adaptar o imaxinario adulto a unha linguaxe e contido accesibles para os máis pequenos”.

Durante a presentación, Gracián lembrou a forte presenza dos felinos na literatura, evocando nomes como Jorge Luis Borges ou Fina Casalderrey, esta última referente galega da literatura infantil e autora de O misterio dos fillos de Lúa. A escritora explicou que a súa nova publicación é tamén “un exercicio de metaliteratura e un canto á paixón pola palabra”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.