O Concello de Padrón impulsa un novo modelo de xestión de residuos

31 Outubro 2025

O Concello de Padrón dá un paso máis na mellora do servizo de recollida e tratamento de residuos coa posta en marcha de novas actuacións financiadas mediante unha subvención destinada a fomentar a recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles.

A axuda de 114.048 euros, concedida en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T), está co-financiada polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Ao abeiro desta subvención, o Concello levou a cabo dúas actuacións principais. A primeira foi a adquisición dun camión eléctrico para a recollida de biorresiduos, cun investimento total de 118.580 euros, adquirido mediante procedemento aberto simplificado.

O proxecto contou cunha achega de 108.000 euros de fondos europeos xestionados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, asumindo o Concello o importe do IVE (10.580 euros), non subvencionábel.

Ana Castro, concelleira de Medio Ambiente, estivo presente na recepción oficial do novo camión que xa presta servizo no Concello de Padrón.

A segunda actuación consistiu nunha campaña de sensibilización cidadá sobre a xestión de residuos, cun investimento total de 8.131,20 euros (IVE incluído), dos cales o Concello achegou 2.083,20 euros, correspondentes á parte do IVE non subvencionable.

Implicación da cidadanía

A campaña de sensibilización cidadá, xa en marcha, ten como obxectivo “que a veciñanza colabore na separación adecuada dos residuos e contribúa ao funcionamento do futuro modelo de servizo en Padrón”, informou o Concello, subliñando o seu compromiso coa “implicación da cidadanía para optimizar a eficiencia da recollida e asegurar que se cumpran os requisitos da normativa europea”.

Dende o Consistorio lembraron tamén que a nova lexislación obriga a que sexan as persoas usuarias as que paguen o custe da recollida de lixo e penaliza o custe do lixo que se leva mesturado a SOGAMA, “por iso é importante que os padroneses e as padronesas saiban que na actualidade o Concello está a cubrir con fondos propios un déficit anual de arredor de 360.000 euros entre os ingresos procedentes dos recibos e o custe real da recollida e o tratamento do lixo, unha diferenza que limita a dispoñibilidade orzamentaria para outras actuacións municipais”.

O Concello recoñece entender que “a actual conxuntura económica é complexa para as familias e o pequeno comercio e, por ese motivo, mantén este esforzo económico co obxectivo de non incrementar a carga fiscal da veciñanza”. Porén, aclaran, “esta situación non pode sosterse de forma indefinida, polo que resulta crucial avanzar cara ao cumprimento da normativa e definir un novo modelo de xestión do servizo”.

Marxe de mellora

Segundo os datos dos que dispón o Concello, Padrón xera cada ano máis de 3.500 toneladas de residuos, das cales só o 20% se separa correctamente, “o que evidencia unha ampla marxe de mellora”. Para o Goberno local, “canto maior sexa a separación en orixe, menor será o custe do tratamento, xa que verter lixo mesturado supón o dobre de custe que depositalo de forma selectiva”.

A campaña de sensibilización complétase coa distribución de material informativo entre a cidadanía, como o tríptico Taxa do lixo, no que se recollen as claves da nova normativa e as vantaxes de mellorar a separación dos residuos para reducir custes e contribuír a un Padrón máis sostible.

O Concello de Padrón continúa así a avanzar na modernización da xestión municipal dos residuos, combinando inversións en medios técnicos e accións de concienciación social co obxectivo de mellorar o servizo, reducir custes e cumprir cos compromisos ambientais marcados pola Unión Europea.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...