
A Escola Municipal de Debate e Oratoria do Concello de Muros organizará torneos de debate, encontros entre os centros educativos e exposicións abertas á cidadanía, converténdose nun referente cultural e educativo en Muros. Segundo confirmou o Concello, “aínda quedan prazas vacantes á disposición dos alumnos e alumnas interesadas”.
O programa está dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. Haberá grupos diferenciados segundo a etapa educativa e as sesións terán lugar na antiga Escola de Educación Infantil de Muros (rúa Alameda, número 4) os mércores de 16:00 a 20:30 horas (a distribución horaria concreta establecerase en función dos grupos formados). Entre outubro e decembro celebraranse 10 sesións de hora e media, e entre xaneiro e xuño de 2026 outras 19 sesións de hora e media.
A iniciativa, materializada a través da Concellería de Ensino e Lingua, convocouse baixo o lema O falar non ten cancelas.
“Entre os beneficios para o alumnado está a mellora da expresión oral e non verbal; o fomento da confianza, autoestima e capacidade para falar en público; o desenvolvemento do pensamento crítico e da argumentación; a preparación para entrevistas, exposicións académicas e contextos profesionais, e a promoción do uso da lingua galega en contextos formais e informais”, explicou a alcaldesa, María Lago, a respecto desta iniciativa, destacando tamén “que facilita a conciliación das familias dos alumnos e alumnas participantes”.
A concelleira de Ensino e Lingua, Laura Rivadeneira, engadiu que “estamos ante un proxecto educativo innovador que busca desenvolver as destrezas comunicativas da mocidade en lingua galega, fomentar o pensamento crítico e a capacidade de expresión en público, e consolidar espazos de reflexión arredor de temas de actualidade”.
Entre outubro e decembro haberá 10 sesións de hora e media, e entre xaneiro e xuño 2026 outras 19 sesións de hora e media.
O proxecto incluirá torneos de debate, encontros entre centros educativos e exposicións abertas á cidadanía, converténdose nun referente cultural e educativo en Muros.
As bases e o formulario de preinscrición están dispoñíbeis na Rede.



