O Concello de Lousame destaca a implicación da cidadanía nas primeiras reunións do programa de xuntanzas veciñais

27 Outubro 2025

O Concello de Lousame salientou a “gran resposta veciñal ao programa Lousame, parroquia a parroquia, unha iniciativa posta en marcha polo novo Equipo de Goberno encabezado por Esteban Ares García para “achegarnos aínda máis á veciñanza, presentarlles os proxectos que temos para a súa parroquia e, sobre todo, escoitar e recoller as súas propostas e demandas de cara a buscarlles unha pronta solución”, sinala o alcalde lousamiá.

Unha proposta que segundo o Concello “foi ben acollida polos veciños e veciñas”, que encheron o pasado xoves o local social de San Xusto ao igual que acontecera o venres pasado no local social de Fruíme. De feito, todas as cadeiras estaban ocupadas e non foron poucos os veciños que quedaron de pe ou que buscaron acomodo en mesas ou outros recunchos dos locais sociais.

Posta en valor

Dúas reunións que se desenvolveron da mesma maneira. Nos primeiros cinco/dez minutos, Esteban Ares tomou a palabra para presentar os obxectivos do equipo de Goberno lousamiá para os próximos anos. Comezou poñendo en valor os servizos existentes no municipio (centro de día, PAI, SAF…), os servizos de conciliación, así como a programación cultural, social e deportiva, convidando especialmente a todos os presentes a participar nestas actividades xa que “se pagan cos vosos impostos e sodes vós quen tendes que desfrutar delas, non xente doutros concellos”. Neste sentido, adiantoulles a recuperación dunha tradición perdida dende a pandemia: a celebración dun gran magosto, que terá lugar a principios de novembro.

O alcalde tamén analizou cuestións relacionadas coa xestión do municipio, adiantándolles que agarda poder presentar os orzamentos de 2026 a finais deste mesmo ano, para que poidan entrar en vigor en xaneiro. Neste sentido, detallou que “a programación de grandes obras que se executarán durante o ano 2026 xa está pechada, se ben o Concello tratará de dar resposta ás pequenas actuacións solicitadas nestas reunións e recoller as que requiren dun maior investimento nos seguintes orzamentos”.

Así mesmo, aproveitou tamén para falar do servizo de recollida do lixo, sobre todo a raíz das incidencias acontecidas no Morrazo. O alcalde explicou que “se trata dunha suba que afecta a todos os municipios, con independencia do partido que os goberne, e que se en Lousame non se aplicou ata o momento é porque o Concello ten presentado unhas alegacións á decisión da Mancomunidade Serra do Barbanza, ao non estar de acordo cos criterios e as cantidades asignadas.” Porén, lembrou que a obriga de que o servizo non sexa deficitario vén dunha indicación da Unión Europea, que foi trasposta polo Goberno de España e dirixida directamente aos concellos, polo que o incremento chegará, se ben dende o Concello buscarase fórmulas para minguar o impacto, como podería ser o fraccionamento da factura.

Demandas

O resto do tempo, máis de hora e media en San Xusto e máis de dúas horas en Fruíme, foron para atender as demandas e suxestións dos veciños e veciñas presentes, algo máis de 30 en San Xusto e máis de medio cento en Fruíme. En ambos casos coincidiron en sinalar as deficiencias na cobertura móbil e de televisión, nuns casos con vivendas sen ningún tipo de sinal e noutros con servizo pero non de todos os operadores. O Concello comprometeuse a seguir apoiando as demandas veciñais.

En Fruíme, a veciñanza tamén se queixou do estado da estrada CP-1103, de titularidade provincial, ao seu paso pola parroquia. Os veciños e veciñas denunciaron tanto o pésimo estado do firme, con grandes fochancas que incluso levan máis dun ano sinalizadas, como as existentes na entrada á aldea de Burzó, ou onde se acumula a auga, como en Aldarís. O alcalde explicou que dende o Concello xa lle teñen trasladado estas queixas á Deputación e anunciou que buscará traer a un responsable provincial a Fruíme para que vexa a situación e que os propios veciños e veciñas poidan darlle traslado desas demandas.

Outro compromiso reiterado por Esteban Ares en Fruíme foi o de “traballar para que a Zernadas de Castro lle sexa dedicado o Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da súa morte”, un labor que se comprometeu a facer en colaboración coa Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, pedindo desculpas por non ter convidado a representantes desta entidade á reunión mantida coa Real Academia Galega o pasado mes de xullo.

No caso de San Xusto, as maiores demandas concentráronse no camposanto parroquial, propiedade da veciñanza, xa que foron varios os veciños que fixeron distintas solicitudes de colaboración municipal na retirada de árbores, sinalización e mellora. O alcalde convidou á asociación de veciños a manter unha reunión das persoas propietarias do camposanto e acordar as melloras que desexan, lembrando por exemplo que é preciso contar co permiso do propietario de cada árbore que se desexa eliminar. Unha vez tomado este acordo, o Concello comprometeuse a colaborar no necesario.

Despois, a maior parte das peticións en ambas as dúas parroquias foron comúns: solicitude de rozas, limpeza de cunetas e canles, rebacheos, mellora de pistas e accesos ás parroquias, recuperación de fontes e limpeza de maleza nas contornas das aldeas. Unhas peticións adaptadas a cada aldea de cada unha das parroquias e das que o Concello tomou nota, indicando que “se tratará de resolver o antes posible aquelas que non requiran de elaboración de proxecto de obra, mentres que as actuacións de maior entidade serán estudadas de cara á súa inclusión nos orzamentos que se elaboren en 2026”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...