O Concello de Boiro levou a cabo este martes 21 de outubro unha xornada sobre economía social nomeada Impulsando a economía social dende o territorio: xornada de encontro e colaboración para novos proxectos intersectoriais. O alcalde, José Ramón Romero, estivo na apertura da xornada na que participan unha vintena de cooperativas e asociacións.

Esta xornada tivo como obxectivo abrir un espazo de diálogo, inspiración e cooperación arredor da economía social e o cooperativismo, reunindo a entidades e profesionais do territorio que comparten o obxectivo de fortalecer o tecido asociativo e empresarial local a través de modelos colaborativos e sostíbeis.
Os principais obxectivos desta xornada foron “coñecer experiencias inspiradoras, facilitar o intercambio de ideas e boas prácticas entre entidades, identificar oportunidades de colaboración e novos proxectos conxuntos así como da visibilidade ao papel da economía social como motor de desenvolvemento local”.
O alcalde, José Ramón Romero, deu a benvida aos asistentes a unha xornada que, dixo, “pon de manifesto a forte aposta do Concello de Boiro pola cooperación como motor de desenvolvemento sostíbel, xeración de emprego estable e cohesión social”.
Durante a sesión os asistentes puideron coñecer as distintas iniciativas que se están a levar a cabo e que participaron nesta xornada, así como coñecer casos de éxito de entidades galegas de economía social para facer unha posta en común e crear sinerxías entre entidades e que unhas sirvan de inspiración ás outras.
Esta actividade está enmarcada no programa de actuación da rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.



