O Concello de Boiro está a levar a cabo unha campaña de concienciación sobre a recollida selectiva e a aplicación efectiva do quinto contedor que ten como lema Reciclar é aforrar. Este marrón sáeche a conta. O obxectivo desta campaña é “concienciar á veciñanza para a próxima implantación do contedor marrón, que se comezará a empregar nos grandes produtores”.

Neste mes de outubro instalouse na rúa peonil un tótem e leváronse a cabo xornadas informativas do novo contedor da fracción resto e do que isto supón.
“Levamos todo o mes realizando pequenas accións de concienciación á veciñanza pois a instalación deste novo contedor vai supor un cambio nos hábitos da reciclaxe dos fogares co que nos temos que ir familiarizando”, afirmou o alcalde.
O Concello de Boiro leva varios anos levando a cabo o programa de compostaxe doméstica, co que se levan repartido no municipio arredor de 400 composteiros co obxectivo de familiarizar á poboación de cara esta implantación do quinto contedor para lograr unha xestión máis sostíbel do lixo.
No marco desta campaña vanse levar a cabo os días 24 e 31 de outubro unhas xornadas prácticas sobre compostaxe, separación de residuos e aproveitamento vexetal. Para participar nesta xornada aínda está aberta a inscrición que se pode facer directamente no departamento municipal de Medio Ambiente.
A implantación do contedor marrón farase de xeito progresivo e comezará este mes de novembro cos grandes produtores, para o que se van instalar un total de 48 contedores nesta primeira fase en bares e restaurantes, supermercados ou comedores de centros de ensino.
“O Concello de Boiro gasta máis de un millón de euros ao ano polo lixo e cada quilo mal reciclado sube o custo do servizo, por iso é importante concienciar á poboación do novo sistema de reciclaxe para a súa implantación”, afirmou o concelleiro de servizos, Marcos Fajardo.
Esta campaña de concienciación conta con financiamento da Consellería de Medio Ambiente e cambio climático a través das axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, co-financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU



