A situación anticiclónica continuará dominando o tempo ao longo desta xornada, martes 7 Virxe do Rosario, mantendo a estabilidade atmosférica durante as primeiras horas do día. Porén, a entrada de ventos húmidos do oeste a partir da tarde provocará un aumento da nebulosidade, especialmente nas comarcas costeiras.
A mañá comezará con ceos moi abertos. Co avance das horas, as nubes baixas irán gañando terreo polo oeste, e xa pola tarde medrarán nubes de evolución nas áreas interiores.
As temperaturas mínimas serán máis suaves ca na xornada anterior, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro descenso, mantendo un ambiente agradable. (22 a 24 graos máxima).
Os ventos soprarán frouxos de dirección variable, con predominio da compoñente oeste pola tarde, coincidindo coa chegada do aire máis húmido que deixará unha sensación algo máis fresca e un ceo parcialmente anubrado ao final do día.

O noso mar: Vento variable á mañá, do oeste á tarde e do norte á noite, forza 1 a 2 á mañá e á noite e 1 a 3 á tarde. Mar rizado á mañá e á noite e mar ovellado á tarde. Visibilidade regular á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1 a 2 metros.



