A moción consecuencia de interpelación defendida polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) no pleno do Congreso sobre as medidas que debe adoptar o Goberno para impulsar o sector pesqueiro galego e garantir o seu futuro conseguiu o apoio da cámara en oito dos dez puntos de que constaba.
A iniciativa recibiu luz verde, por tanto, para a maioría das medidas presentadas polo deputado nacionalista, Néstor Rego, dirixidas a apoiar “un sector estratéxico para a economía e o emprego na Galiza”, sinalou.
A excepción foron os puntos sobre a moratoria para a implantación da eólica mariña e a necesidade de negociar e incrementar a cota da sardiña que PP e PSOE non apoiaron.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, valora positivamente a aprobación das medidas urxentes para impulsar o sector pesqueiro galego e garantir o seu futuro proposto pola organización nacionalista e sometido a votación polo pleno da cámara baixa.
“O Congreso falou claro e precísase unha mudanza profunda nas políticas europeas e estatais porque o futuro da pesca galega, se non se mudar o rumbo, está en risco” advirte Rego após a votación da iniciativa.
A moción do BNG aprobada polo pleno da cámara baixa demanda “impulsar a revisión e modificación das bases da Política Pesqueira Común europea, a comezar polo principio de estabilidade relativa” e “avanzar no recoñecemento da Galiza como Zona Altamente Dependente da Pesca e na capacidade de participación directa na toma de decisións en materia pesqueira”.
Do mesmo xeito, o Congreso exixe rexeitar o recorte de 67% ou calquera outro que se poida producir nos fondos europeos destinados á pesca que está a propoñer a Comisión Europea para o novo marco orzamentario 2028-20234.

Eliminar os vetos e aumentar o consumo
Así mesmo, a organización nacionalista consegue o apoio da cámara baixa para reclamar á Unión Europea que abandone a proposta de aumentar o número de zonas vedadas ás artes de fondo e que calquera decisión ao respecto sexa adoptada sobre a base de estudos rigorosos sobre as consecuencias sociais, económicas e para a sustentabilidade e o equilibro dos ecosistemas mariños.
Do mesmo xeito, apróbase apoiar que o Goberno do Estado recorra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala a prohibición de pesca con artes de fondo en 87 zonas do atlántico, sen que estivese sustentada en informes científicos rigorosos, sen ter en consideración as consecuencias económicas e sociais e ademais equiparando o palangre ao arrastre de fondo.
“Reducir o IVE aplicado ao peixe e produtos pesqueiros até 0% por tratarse dun alimento básico e de primeira necesidade dados os beneficios demostrados que este alimento ten nunha dieta sa e sustentábel, a súa contribución á redución do gasto sanitario, ademais do efecto positivo no aforro das familias e na dinamización económica do sector da pesca, tal e como acreditan numerosos informes e estudos” foi outro dos puntos que o pleno do Congreso aprobou, a pesar do voto en contra de PSOE e SUMAR.



