Luís Oujo pon en valor “o apoio masivo da sociedade ao Camiño da Ría Muros Noia”

09 Outubro 2025

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia, Luis Oujo, alcalde de Porto do Son, mantivo a súa primeira reunión con representantes de asociacións, entidades e colectivos implicados na promoción e desenvolvemento desta ruta xacobea. Un encontro que tivo lugar no Centro Náutico de Porto do Son e que forma parte das reunións periódicas postas en marcha pola Asociación para coñecer as propostas e inquedanzas do tecido empresarial, cultural e social para así poder seguir avanzando xuntos na promoción do Camiño da Ría Muros Noia.

Luis Oujo agradeceu a presenza de ata 35 representantes no Centro Náutico de Porto do Son pois “tras o recoñecemento do Camiño da Ría Muros Noia por parte do Arcebispado compostelán, temos que seguir loitando ata conseguir o recoñecemento oficial. Para iso é necesario que participemos todos e por iso é tan importante a resposta masiva que tivo esta convocatoria”.

E é que entre as 35 persoas asistentes había representantes dos nove concellos que conforman a Asociación, así como responsables da Academia Xacobea, asociacións empresariais, clubs de sendeirismo, entidades culturais, profesionais e empresas de distintos sectores (turismo activo, hostalería, camping, guías turísticos…).

O presidente tamén recordou que este recoñecemento “suporá a creación dunha economía e unha forma de vida en torno ao Camiño que ten un retorno moi importante para o conxunto da comarca e para o sector”. Isto, dixo, “unido ao potencial da versión marítima desta ruta e a candidatura a Itinerario Cultural Europeo do noso Camiño dentro da Vía Querinissima, que supón unha proposta diferente que individualiza o noso Camiño fronte a outras rutas e o axuda a promoverse fóra das nosas fronteiras, supoñen unha oportunidade que non podemos desaproveitar”.

Propostas e achegas

Acto seguido, iniciouse unha animada charla na que os distintos representantes foron compartindo as súas ideas e opinións, salientando os puntos fortes da ruta e realizando propostas de mellora. Unhas “destacadas contrubicións” que agradeceu o presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia.

Ideas como a instalación de puntos de selado autónomos da credencial de peregrino, para non depender de horarios; ou a creación dun distintivo propio para incentivar aos peregrinos individuais e a pequenos grupos que non adoitan achegarse polas oficinas de turismo. Tamén se propuxeron novas iniciativas para a promoción do Camiño, como poñer o foco no mercado norteamericano, que é o de maior crecemento nestes momentos pois, como chanceou algún asistente, “aos americanos sáelles máis barato facer o Camiño ca pagar un psicólogo”.

Todos os presentes coincidiron en salientar que o respaldo histórico do Camiño da Ría de Muros Noia é innegable e que a integración na Vía Querinissima supuxo un respaldo institucional. Un respaldo que se mantén entre os peregrinos, cuxos comentarios son moi positivos, sobre todo salientando a beleza da contorna. Un punto no que se propuxo unha iniciativa de cara ao futuro: promover a variante de Toxosoutos, recoñecida como “o mellor tramo de todos os Camiños de Santiago” polo historiador e experto xacobeo Antón Pombo. Neste sentido, moitos dos presentes puxeron de manifesto a necesidade de manter o Camiño nas mellores condicións posibles, en especial no que atinxe á súa sinalización.

Tras agradecer a participación de todas as entidades representadas nesta reunión, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia convocounos para un novo encontro, nun lugar e data aínda por confirmar.

Outros artigos

Alerta laranxa o sábado con risco de treboadas sobre todo no interior

Activada este sábado a alerta laranxa ante a previsión de intensas tormentas e precipitacións que afectarán principalmente ao noroeste e ao interior da provincia da Coruña. Segundo os datos facilitados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o aviso activarase a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.