O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, recibiu este 1 de outubor no salón de plenos do Consistorio de Rianxo a Yolanda Díaz Gallego, unha das fundadoras do Patronato da Cultura Galega de Montevideo en xuño de 1964.
O rexedor lembrou que este padroado foi quen celebrou por vez primeira o Día das Letras Galegas e publicou varias obras clave da nosa literatura, entre elas as de dous autores vetados polo franquismo, Méndez Ferrín e Manuel María.

Recordou tamén que unha das actividades de maior repercusión das protagonizadas pola entidade foi a doazón do busto de Castelao para ser instalado hai 50 anos no Paseo da Ribeira.
O alcalde destacou o “compromiso e a valentía de homes e mulleres que, como Yolanda Díaz, deron un paso á fronte na defensa da cultura e da identidade galega nun momento de represión e censura traendo a Castelao de volta á súa terra natal nun momento de represión e censura”.
“Cómpre lembrar que a mesma mañá do día no que ducias de persoas concentráronse en Rianxo para a inauguración do busto, o franquismo executou a cinco persoas que foran condenadas a morte nun consello de guerra”, engadiu Bustelo.
Yolanda Díaz Gallego, nada en Sarria en 1934, é unha activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega no Uruguai e Cataluña. Logo de estudar na Coruña Peritaxe Mercantil, rematando en 1952, trasladouse coa súa nai e irmáns a Montevideo, onde comezou a traballar no Banco de Galicia do que foi secretaria xeral. Alí mantivo unha frutífera relación co colectivo de emigrantes e exiliados, colaborou na publicación da Historia de Galicia de Ramón Otero Pedrayo e participou na emisión radial Sempre en Galicia durante 20 anos. Foi unha das fundadoras do Teatro Popular Galego de Montevideo e do Patronato da Cultura Galega de Montevideo. En 1976 estabeleceuse coa súa familia en Barcelona. Alí participou na creación da Asociación O Penedo e colaborou entre 1973 e 1981 no programa A Nosa Galicia de Radio Miramar e na Radio Galega.



