
O Centro de Atención Integral de Amicos (Boiro) acolleu este martes, 28 de outubro, a renovación do convenio de colaboración entre a asociación inclusiva comarcal Amicos e a conserveira boirense JEALSA. Con esta renovación, amplíase un ano máis o compromiso entre ambas entidades, que levan máis dunha década traballando en equipo co obxectivo de facilitar a integración das persoas con discapacidade na sociedade, tanto a nivel vital como laboral.
No acto estiveron presentes a directora de Relacións Institucionais de JEALSA, Margarita Hermo, e o director xeral de Amicos, Xoán España, quen realizaron un balance moi positivo destes anos de colaboración.
A través deste convenio, JEALSA e Amicos seguirán a impulsar a formación prelaboral de persoas con discapacidade intelectual, e incrementarán tamén as oportunidades e apoios dirixidos a persoas con grandes discapacidades, tanto a través da Fábrica Social de Amicos como dos seus obradoiros prelaborais.
Outro eixo clave desta colaboración céntrase na infancia, coa posta en marcha de proxectos de integración escolar de nenos con discapacidade e iniciativas de sensibilización social como os programas Badaboom e Festiritititi. Ademais, o acordo garante a continuidade da unidade de apoio e estimulación sensorial do centro.
Xoán España destacou que “contar co apoio de JEALSA é un verdadeiro impulso para nós. Non só nos axuda a seguir adiante internamente, senón que tamén axuda a crear un futuro máis inclusivo, onde as persoas con discapacidade sexan protagonistas da súa propia historia. JEALSA é un exemplo brillante de compromiso e solidariedade”.
Pola súa banda, Margarita Hermo subliñou que “JEALSA, a través do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa WeSea, leva máis dunha década traballando con Amicos para impulsar a formación e as oportunidades das persoas con discapacidade. A nosa alianza con Amicos non só reforza o noso compromiso coa inclusión, senón que nos anima a seguir construíndo xuntos un futuro máis xusto e solidario para todos. Para nós a responsabilidade social é parte esencial da nosa forma de entender a empresa e a súa relación coa comunidade”.




