Boiro celebrará o Samaín (Halloween) cunha campaña comercial con mancheas de actividades organizadas pola ABE

27 Outubro 2025

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) pon en marcha a campaña Truco ou trato no comercio local, unha iniciativa coa que se busca animar á veciñanza a visitar e mercar nos establecementos de Boiro coincidindo coa celebración do Samaín (Halloween), especialmente o venres 31 de outubro, cando se agarda unha gran afluencia de público polas rúas da vila.

Para reforzar o ambiente festivo, a ABE distribuirá entre os comercios asociados bolsas de lambonadas, que os establecementos poderán entregar aos seus clientes como agasallo durante esa xornada.

Ademais, a iniciativa completarase cunha campaña en redes sociais baixo o mesmo lema, na que será difundido o espírito do Truco ou trato no comercio local e organizarase un sorteo de tres cestas de caramelos de Samaín entre todas as persoas que participen no concurso de comentarios publicado nos perfís de ABE. O sorteo e entrega das cestas realizarase o venres 31 de outubro.

Con esta acción, a ABE pretende impulsar o consumo local, fomentar a participación dos comercios nas campañas colectivas e contribuír a crear un ambiente atractivo nas rúas durante unha data moi esperada polos máis pequenos e polas familias.

“Queremos que o comercio de Boiro tamén se contaxie do espírito de Halloween e que as familias desfruten da experiencia de facer o seu truco ou trato nas tendas da vila”, explican desde a Asociación Boirense de Empresas.

A campaña forma parte das accións anuais de dinamización comercial promovidas pola ABE, co obxectivo de reforzar a relación entre comerciantes e clientela, e facer de Boiro un referente de comercio próximo, vivo e cheo de actividade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.