
O pasado sábado 25 de outubro celebrouse unha xornada de eliminación de especies invasoras en Baroña organizada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza coa colaboración da Fundación Montescola na que os voluntarios asistentes axudaron á Mancomunidade de Montes a eliminar os rebrotes de eucaliptos que estaban saíndo logo da corta realizada en Esperedelo e na que se plantaron na primavera diferentes especies de árbores frondosas como castiñeiros, carballos ou nogueiras.
A Mancomunidade agradeceu a importante contribución das persoas participantes, moitas delas do concello sonense, “que con esta acción de voluntariado axudaron a transformar esta zona do noso monte para facer no futuro un cortalumes verde e protexer as aldeas en caso de lume, pero tamén para conseguir mellores zonas de esparcemento e biodiversidade preto das aldeas para desfrute dos veciños e visitantes”.
Ao día seguinte, 26 de outubro, celebrouse unha xornada análoga en Froxán, Lousame, referente da loita contra as especies invasoras e da defensa activa do bosque autóctono.

Ámbalas citas foron organizadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza e Montescola.
Foron actividades abertas para todos os públicos e, ao rematar, incluíron xantar de albaroque para as persoas participantes.
Contouse coa colaboración da Comunidade de Montes de Baroña e da Comunidade de Montes de Froxán (Lousame).
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza ten o apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO e está coordinado pola Fundación RIA.
O obxectivo é fomentar a participación cidadá na restauración de ecosistemas degradados e sensibilizar sobre os impactos das plantacións de eucalipto nos montes galegos.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Coordinado pola Fundación RIA, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto dedicado a promover a transición cara á sustentabilidade ambiental e a fortalecer a resiliencia na xestión territorial dos montes do Barbanza.




