A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusou os días pasados á Comisión Europea e ao Estado español de “inacción” ao “non levar a cabo unha investigación de control dos 220.000 bidóns de residuos radioactivos que se atopan fronte a costa galega e que foron vertidos entre os anos 1940 e 1985”.

“Dende o BNG reclamamos que haxa unha misión de investigación nos residuos radioactivos da Foxa Atlántica. Levámolo dicindo moitos anos”, subliña.
En relación á resposta que ofrece a Comisión Europea a unha pregunta presentada no mes de xuño pola eurodeputada galega, afirmando que non ten competencias na materia, “consideramos unha total inacción non só da Comisión Europea, senón por parte do Estado Español en non facer unha investigación e unha misión do control dos residuos radioactivos, que só fixo en os meses pasados Francia”.
“E unha falla de cumprimento das súas obrigas de control de residuos nucleares e nós, como galegas e como galegos, non temos que pagar o que moitos Estados Europeos fixeron que foi verter nas nosas costas e producir uns residuos nucleares que aínda seguen aí”, manifestou Ana Miranda, quen adiante que o BNG levará a cabo iniciativas nos tres parlamentos, novamente, para que o Estado actúe no control dos residuos radioactivos.
Investigación europea
A pregunta presentada no mes de xuño xa é a cuarta pregunta dirixida pola eurodeputada galega á Comisión Europea sobre este tema e subliña o seu compromiso a seguir demandando unha investigación europea sobre estes restos depositados durante anos fronte á costa galega. En diversas respostas emitidas pola CE, esta recoñece a existencia de residuos nucleares fronte á costa de Galiza, pero sinala que carece de estudos actualizados sobre o seu impacto.
No tocante á misión de investigación levada a cabo por Francia nos pasados meses, a CE indica que estas actividades “exceden do ámbito de aplicación do artigo 35 do Tratado Euratom”, que segundo a propia Comisión as verificacións se levan a cabo periodicamente en virtude deste mesmo artigo, segundo un programa continuado que os servizos da Comisión actualizan periodicamente.




