Os Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal solicitaron este xoves 2 de outubro, formalmente, unha audiencia ao Ministro de Transportes, Óscar Puente, para reiterar “a vital importancia da gratuidade do tramo Padrón-Santiago na AP-9, para a área de Santiago de Compostela, o Barbanza e o norte da provincia de Pontevedra”. Estas novas accións, que se realizan de xeito conxunto entre os Concellos asinantes do manifesto pola liberalización da AP-9, anunciáronse este xoves nunha rolda de prensa feita no auditorio municipal de Padrón.
Desde a plataforma Concellos pola Gratuidade lembran “a débeda histórica do Estado con Galicia, xerada coa prórroga ilegal da concesión da AP-9 ata o ano 2048, aprobada polo goberno de José María Aznar”. Valoran os esforzos do Executivo coa implantación do plan de bonificacións iniciado en 2021, pero consideran que estas medidas son insuficientes: “A nosa veciñanza non pode seguir pagando os erros de gobernos pasados”, denuncian os alcaldes.

A plataforma considera que “está en mans do propio Goberno do Estado ser recordado como quen liberou a Galicia da carga das peaxes ou como o que desperdiciou unha oportunidade histórica para transformar a mobilidade dos galegos”.
O clamor social e os procesos abertos contra a prórroga ilegal, levados a instancias europeas, apuntan cara á gratuidade da AP-9, sinalan.
Os concellos asinantes do manifesto do 25 de febreiro reclaman “unha AP-9 gratuíta de Ferrol a Tui, pero ao mesmo tempo denuncian un agravio comparativo da área de Santiago con respecto ás áreas norte e sur de Galicia”.
Explican que a “AP-9 conta cunha lonxitude total de 219 km, dos cales 50,9 km son sen custo directo para os usuarios: 36,7 km gratuítos e 14,2 km con peaxe en sombra, asumida polo Estado”. Engaden que só “7,7 km, o 15,13%, corresponden á circunvalación de Santiago, a capital de Galicia e centro clave para miles de persoas en materia de mobilidade, educación, sanidade, laboral, administrativa e institucional”.
Por comparación, a área de Vigo acumula máis de 16,7 km gratuítos, incluíndo os tramos Vigo-Puxeiros (11,7 km) e Teis-Vigo (5 km), xunto con 9,1 km de peaxe en sombra no acceso ao Morrazo. Na Coruña hai 5,1 km de peaxe en sombra e en Ferrol 9,1 km gratuítos.
A importancia do tramo Padrón-Santiago
Explican que “os 18 km do tramo Padrón-Santiago son fundamentais para mellorar a mobilidade da área de Santiago, o Barbanza e o norte da provincia de Pontevedra, xa que esta é a única conexión directa e de alta capacidade entre o Barbanza e a capital galega”.
O custo deste tramo, din, “penaliza diariamente a milleiros de persoas que viaxan por diversos motivos”. Para os concellos da plataforma, “a súa liberación permitiría unha conexión gratuíta e continua desde a AG-11 (autovía do Barbanza) ata Santiago, sen interrupción por peaxes, beneficiando tamén ao norte da provincia de Pontevedra.
Ademais, permitiría desviar o tráfico pesado e particular de núcleos urbanos como Padrón ou O Milladoiro, mellorando a calidade de vida dos veciños e dinamizando a economía local ao facilitar o transporte de mercadorías por unha vía de alta capacidade, ao tempo que favorece a mobilidade peonil e o comercio ao longo da N-550.
Sobre “Concellos pola gratuidade”
Esta plataforma naceu o 25 de febreiro para reclamar a creación dunha mesa de traballo entre o Ministerio de Transportes e os concellos afectados polas elevadas tarifas da concesionaria da AP-9. En abril, xa denunciou os máis de 210 millóns de euros de beneficios recadados por AUDASA en 2024.
Os Concellos asinantes instan o Goberno do Estado a “acatar a resolución europea contra a prórroga ilegal da AP-9 e a situarse no lado correcto da historia”. Din que “o actual Executivo pode ser recordado como o que liberalizou a AP-9 para todos os galegos ou como quen permitiu que AUDASA continuase lucrándose a costa da cidadanía”.



