A sétima edición de Camiño Escena Norte afronta as últimas funcións de teatro e danza en Negreira, Outes, Ribadeo e Vimianzo

13 Outubro 2025

A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte afronta as dúas últimas semanas de programación de danza, teatro e circo en Galicia. As localidades de Outes, Negreira, Ribadeo e Vimianzo acollerán as derradeiras funcións do Itinerario Constelacións, a programación de artes escénicas que compañías de Asturias, Cantabria, Esukadi, Navarra, A Rioxa e Galicia ofrecen nos seis territorios participantes no proxecto. 

A peza Zozobra poderá verse en Outes

A rioxana El Perro Azul visitará este venres 17 o Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón, en Negreira -localidade que se estrea coma sede de CEN este ano-, coa súa proposta teatral para todos os públicos e sen texto Globe Story,peza que emprega a  comicidade e o ritmo trepidante do cine mudo para contar unha historia de amor coa que a compañía triunfou o pasado 13 de setembro en Foz. 

Dous días despois, o domingo 19, as asturianas La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo regresarán a Galicia -após as súas actuacións do 19 e 21 de setembro en Arzúa e Vilalba, respectivamente- para presentar, de novo, a súa co-produción Zozobra, “unha labazada de teatro que axita rúas e conciencias. Un agudísimo xute humorístico e reflexivo da España cañí“. Nesta ocasión, a creación para público adolescente e adulto poderase ver no auditorio da Casa da Cultura de Outes

De cara á fin de semana que vén, Camiño Escena Norte volverá á Costa da Morte. Se ben o 26 de setembro a compañía vasca niMú levou a súa Pausa circense a Carballo, o venres 25 de outubro será a quenda da cántabra El Tejo Producciones, que presentará El jardín de las posibilidades no Auditorio Municipal de Vimianzo. 

O peche desta sétima edición de Camiño Escena Norte chegará da man dunha compañía moi querida polo público galego: a asturiana ZigZag Danza. Postales Rotas, a súa premiada proposta de danza contemporánea para todos os públicos que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX -Premio Oh! das Artes Escénicas 2025 ao Mellor Espectáculo e Premio Jovellanos á Produción Escnénica 2024- poderase ver o sábado 26 de outubro no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo. 

Pola súa banda, as tres compañías galegas que participan nesta sétima edición do CEN -Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía.- xa visitaron, con grande éxito entre o público, os escenarios de Los Corrales, Torrelavega, Hondarribia, Unquera, Pamplona, Azagra, Astillero, Santo Domingo de la Calzada e La Bastida. 

O percorrido galego no Camiño Escena Norte rematará este venres 17 de outubro coa presentación de Nanay de la China, da compañía coruñesa Pérez & Fernández, na localidade rioxana de Autol. Ao rematar a función, dirixida a público familiar, Victoria Pérez e Manu Fernández participarán nun encontro coas e cos asistentes. 

Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.

Axenda en Galicia

17.10, 20.30h | Negreira. Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón

Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)  

Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas: www.woutick.es (3€)

19.10, ás 20.00h | Outes. Auditorio Casa da Cultura

Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)

Teatro. Público adulto e adolescente. Venda de entradas: www.bandoticket.com (5€)

25.10, ás 20.30h | Vimianzo. Auditorio Municipal 

El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)

Teatro. Público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)

26.10, 20.00h | Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval

Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias) 

Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio (3€)

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...