A restauración do retablo da igrexa de Santiago súmase ao acondicionamento das cubertas

23 Outubro 2025

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, encabezou a comitiva do Goberno local que acompañou na mañá deste 23 de outubro a delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, na visita que fixo á igrexa parroquial de Santiago e na que anunciou que o Executivo galego vén de licitar a restauración do retablo maior, actuación que conta cun orzamento de 98.000 euros. As empresas poderán presentar agora as súas ofertas ata o vindeiro 3 de novembro e contarán cun prazo de execución de seis meses dende a sinatura do contrato.

Durante a visita —na que tamén participou o director territorial da Consellería de Cultura na provincia da Coruña, Severino Álvarez— o alcalde de Padrón destacou a relevancia desta intervención. Anxo Arca recordou que a Igrexa de Santiago é o espazo arquitectónico máis visitado da localidade polos seus vínculos coa tradición xacobea e subliñou que “esta restauración do retablo se suma ás obras de renovación da cuberta, que foron financiadas por un empresario padronés e que contaron coa máxima colaboración do Concello co obxectivo de que este elemento patrimonial acade un estado óptimo de conservación”.

O rexedor agradeceu a colaboración tanto das distintas administracións como de promotores privados para preservar o patrimonio relixioso e histórico da vila, e reforzou o compromiso do goberno local para que Padrón presente a súa mellor cara no vindeiro xacobeo. “Coa vista posta no Ano Santo de 2027, é importante que todas as institucións colaboren para que os camiños de Santiago se atopen nas mellores condicións, o que inclúe o coidado dos diferentes elementos que compoñen o noso patrimonio histórico”, sinalou Anxo Arca.

O alcalde lembrou que a Igrexa de Santiago é un dos espazos máis emblemáticos de Padrón, ligado directamente á tradición xacobea como lugar onde se custodia o pedrón que, segundo a tradición, serviu para amarrar a barca na que chegou o corpo do Apóstolo Santiago procedente de Palestina. Trátase dun dos principais puntos de parada para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués e un símbolo da identidade cultural e relixiosa da vila.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.