A ANPA do CEIP O Grupo de Ribeira comunicou que a Consellería de Educación nomeou finalmente a mestra que substituirá á titora de 3ºB de Educación Primaria no CEIP O Grupo de Ribeira. A nova mestra comezará o vindeiro luns 20 de outubro, e a tempo completo.

Este fito para o CEIP O Grupo foi logrado logo de seis semanas de mobilizacións e actos reivindicativos de todo tipo; tales como concentracións, caceroladas, participación en manifestacións en Santiago e Rianxo, secundar folgas, recollida de sinaturas e moción cidadá apoiada por toda a Corporación municipal, escritos a xefatura, inspección educativa e o propio conselleiro, colocación de pancartas, denuncias en medios de comunicación, etc. Foron accións impulsadas pola ANPA en colaboración estreita coa comunidade educativa do colexio O Grupo, coa dirección e o claustro. “Podemos dicir que é para nós unha grande satisfacción e un logro alcanzado pola unión mantida e non rendernos ante as sucesivas negativas por parte da Xunta de Galicia”, sinalan dende ANPA, engadindo que “consideramos que estas reivindicacións tiveron o seu resultado e este nomeamento da substituta a tempo completo para solucionar esta problemática do noso colexio é polo tanto un logro da ANPA, do claustro de profesores e da equipa directiva que ata chegou a presentar a súa dimisión en bloque por dúas ocasións, sen que lle fora aceptada”.
E engaden: “Queremos manifestar o noso profundo agradecemento ás mestras e mestres e á equipa directiva en primeiro lugar, polo apoio mostrado dende o primeiro momento, o primeiro día de curso, o pasado 8 de setembro; por suposto tamén a toda a xente que semana tras semana nos apoiou coa súa presenza nas concentracións e caceroladas; tamén ás case catro mil persoas que asinaron o escrito enviado ao conselleiro, porque aínda que só presentamos 3.353 finalmente chegamos a xuntar días despois preto de catro mil”.
Agradecen tamén “o apoio de todos os partidos integrantes da Corporación municipal, que votaron a favor da moción cidadá que presentamos en pleno o pasado 29 de setembro, e ao ex alcalde, Luis Pérez Barral e ós concelleiros e concelleiras que nos apoiaron publicamente, coa súa presenza nas concentracións e en medios así como ao Goberno local que, pese a ser competencia da Xunta de Galicia, fixo un gran investimento municipal acondicionando o baixo do edificio da vella comisaría para poder habilitar a aula de aprendizaxe, a aula de música e a radio escolar nese local.
Tamén agradeceron “o apoio e interese dos parlamentarios do BNG e do PSdG que aparte de achegarse a Ribeira falar con nós tamén presentaron iniciativas neste sentido no Parlamento de Galicia, e o apoio do resto de ANPAS e comunidades educativas do municipio e da contorna e das entidades como AGAPE, BarbanTEA, Renacer, etc que dende o primeiro momento manifestaron de xeito público o apoio ás nosas demandas; e grazas ás familias, fundamentais sempre para un bo ensino público e moito máis cando fai falta defender os dereitos do alumnado e garzas a toda a cidadanía que se mostrou favorable e nos apoio en redes, medios e na rúa”.

E conclúen: “Con esta boa nova anunciamos que imos deixar de realizar ás concentracións e caceroladas dos luns diante da porta do colexio e que procederemos a retirar as pancartas da fachada, a excepción da que reza por un ensino público de calidade, unha escola para todas e todos e menos recorte e máis educación, xa que tal e como dixemos, a nosa principal reivindicación era o nomeamento da titora substituta para o 3ºB, polo que quedan desconvocados estes actos de protesta”.
Lembran a maiores que “seguiremos realizando xestións e enviando escritos á Consellería demandando o resto de necesidades que temos no noso colexio, como as obras urxentes que se precisan tales como a reconversión integral do edificio da vella comisaría, a cuberta do edificio de infantil, o pintado exterior do edificio principal e o arranxo do pavillón, entre outras; e seguiremos reclamando máis persoal de apoio educativo e NEAE dado o gran número de alumnado diagnosticado con NEAE existente no colexio, un cento de alumnos/as o que supón o 25% do total”.
O BNG dá os parabéns á comunidade escolar do CEIP O Grupo
O BNG de Ribeira quixo dar os parabéns á comunidade educativa do CEIP O Grupo —familias, profesorado e alumnado— pola “súa mobilización e pola unidade amosada nas últimas semanas, que deron como resultado que a Consellaría de Educación finalmente cubrira a praza de titoría que permanecía vacante desde o inicio do curso”.
O exalcalde de Ribeira e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, destacou que “este logro é froito da forza e perseverancia das familias, que non se resignaron a aceptar unha situación inxusta e que loitaron polo dereito das crianzas a unha educación de calidade”. Barral tamén puxo en valor o compromiso da dirección do centro e do conxunto do profesorado, “que puxeron por diante o interese do alumnado fronte ao desleixo da Xunta”.
O Bloque lembra que a falta de titoría no curso de 3º B, con 23 nenos e nenas, varios deles con necesidades específicas de apoio educativo, provocou “unha situación insostíbel que só se resolveu grazas á presión social”.
Con todo, o BNG advertiu que manterá as iniciativas rexistradas no Parlamento galego para que a Consellaría de Educación acometa as melloras pendentes no centro. Entre elas, a reforma integral do edificio da antiga comisaría de Policía, o arranxo da cuberta do edificio de Infantil e o pintado exterior do edificio principal, actuacións que levan tempo sendo reclamadas pola ANPA e pola comunidade educativa.
Barral concluíu sinalando que “desde o BNG imos seguir traballando, tanto desde o Concello, desde o Parlamento e mesmo desde a rúa se é preciso, para que os colexios de Ribeira conten cos recursos e as instalacións que merecen. A mobilización e a unidade demostraron ser o camiño para conquistar dereitos e mellorar a educación pública”.

—



