A Unidade de Condutas Aditivas (UCA) de Ribeira está a detectar nos últimos meses un incremento de casos de adicción sen consumo de substancias, especialmente entre adolescentes.
Segundo explican desde este servizo, as novas tecnoloxías, pese ás súas múltiples vantaxes, abriron a porta a novas formas de adicción. Ademais, ao contrario do que ocorre co consumo de substancias, estas condutas son máis difíciles de identificar, o que incrementa a súa incidencia e risco.
Para facer fronte a esta realidade, o Concello de Ribeira organiza diversos cursos formativos de prevención en colaboración coa Concellería de Novas Tecnoloxías, co obxectivo de dotar á mocidade das ferramentas axeitadas para o bo uso das TIC e da intelixencia artificial. Estes programas buscan minimizar o risco de adiccións e promover un manexo responsable das novas tecnoloxías.




