A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a moción de censura que impulsan o PP e o PBBI en Ribeira é “a proba de que o Goberno municipal do BNG que lidera o alcalde Luís Pérez está facendo un bo traballo”. Afirmou tamén que a moción evidencia “que o PP está disposto a todo para frear un BNG á alza”.
“Ao alcalde fáiselle unha moción de censura por facer ben o seu traballo, por ser un alcalde que abriu un tempo novo no Concello, que estaba gobernando con transparencia, con igualdade e modernizando Ribeira”, expresou.
A líder do BNG quixo salientar, en declaracións aos medios, que se trata dunha moción de censura “bochornosa, e feita de costas á cidadanía, unha mostra máis”, engadiu, “de como os populares están demostrando a súa preocupación porque vemos un PP que está á baixa fronte a un BNG que sobe”.
“Claramente están dispostos a todo con tal de intentar frear esta tendencia”, denunciou, engadindo que neste xogo úsanse “mañas e artimañas que non deberían darse e, sobre todo, con mocións de censura escuras que o único que teñen detrás son intereses partidistas e persoais e que, claramente, van ir en contra do que o Concello de Ribeira e os seus veciños e veciñas necesitan e merecen”, advertiu.
Pontón amosouse convencida de que “dentro de dous anos a cidadanía responderá democraticamente a esta bochornosa moción de censura”, aseverou en Ferrol, onde mantivo un encontro cos representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril.




