O Concello de Rianxo fixo un breve balance da súa actividade en atención turística ao longo deste verán quen enfila xa a súa recta final. No reconto faise saber que durante os meses de xullo e agosto, algo máis de 1.500 persoas achegáronse aos puntos de información turística do Concello de Rianxo, fundamentalmente o situado no Cuartel Vello que recentemente foi reformado para mellorar a experiencia dos visitantes.

Os galegos e as galegas foron os que máis frecuentaron estes puntos, seguidos polas persoas chegadas dende Madrid e de Euskadi, dende onde, segundo confirmou o Concello, “chegan cada vez máis persoas a Rianxo”.
No balance destaca tamén o importante incremento de persoas estranxeiras que pasaron polos puntos de información turística neste verán. Os visitantes estranxeiros foron, un ano máis, maioritariamente franceses.
Ademais, o Concello salienta que 132 persoas participaron nos diferentes roteiros organizados polo Servizo de Turismo durante as últimas semanas, “unha oferta que se consolida ano a ano na programación estival municipal”.




