Este domingo 21 de setembro o voluntariado fluvial do proxecto ReNatur_Outes desenvolveu unha nova xornada de traballo na ribeira do río Tins, na Serra de Outes. A intervención centrouse na eliminación de pés de falsa acacia (Robinia pseudoacacia), unha das especies exóticas invasoras máis problemáticas da zona. Na contorna do CEIP de Outes apenas restan xa media ducia de exemplares desta árbore, logo de que ao longo do proxecto se retiraran máis de 5 toneladas de madeira desta especie.
A acción enmárcase ademais na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos, coordinada por ADEGA desde 2008. Neste contexto, os voluntarios retiraron preto de 100 quilos de lixo, incluíndo residuos voluminosos que permanecían na ribeira tras as cheas do inverno pasado.
A xornada tivo así un dobre obxectivo: continuar coa retirada de refugallos e controlar os rebrotes de invasoras como a falsa acacia, o bambú, a Tradescantia ou a Crocosmia, especies sobre as que se actúa intensamente desde o inicio de ReNatur_Outes.
O proxecto está liderado polo Concello de Outes e conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, da Fundación Montescola e do CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia–Norte de Portugal). Ten o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
ReNatur_Outes traballa en varios eixos fundamentais: a recuperación do bosque de ribeira, o control das especies exóticas invasoras, a limpeza de residuos, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formación e divulgación. O proxecto busca non só restaurar a biodiversidade da contorna fluvial, senón tamén fomentar un compromiso social e cidadán que se manteña máis alá da súa duración.





