O tango será o protagonista da XVII Homenaxe a Prudencio Romo, este domingo no Polideportivo da Silva de Lousame

04 Setembro 2025

A Asociación Cultural Prudencio Romo e o Concello de Lousame organizan este domingo 7 de setembro a decimosétima edición da Homenaxe a Prudencio Romo, que terá lugar no Polideportivo Municipal da Silva a partir das 20:00 horas. A diferenza de edicións anteriores, nas que se apostou sobre todo por facer un certame de bandas populares, “desta volta apostouse por un xénero musical totalmente diferente como é o tango”, informaron as dúas entidades.

Unha homenaxe que foi presentada na mañá deste 4 de setembro polo tenente de alcaldesa, Esteban Ares, e a presidenta da Asociación Cultural Prudencio Romo, Isabel Gómez Morales; quen estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; a vicepresidenta da asociación, Andrea Ces, e o director da Banda de Música de Lousame, Marcos Pereiro López.

Monográfico de tangos

Isabel Gómez explicou que este cambio “xurdiu un día cando nos fixeron un convite a facer un concerto co grupo Enclave e acabamos facendo un concerto que penso que vai ser bonito. Gustaríanos que viñeran moitos veciños a desfrutar dun espectáculo diferente, que a xente se implique e traia aos nenos”. Un punto no que coincidiu o director da Banda de Música de Lousame, quen apuntou: “Pareceunos un espectáculo moi atractivo e diferente para o que é a música en Lousame e apeteceunos moitísimo facer este tipo de repertorio porque é algo que non se fixo aquí en Lousame nos últimos anos”.

Neste sentido, Marcos Pereiro sinalou que a actuación deste domingo “será un monográfico de tangos, onde imos contar co Grupo Enclave, como solista, cos bailaríns de Santango e coa Banda de Música de Lousame acompañándoos. O concerto terá unha duración entre 50 e 60 minutos, nos que a xente atoparase con tangos clásicos da cultura arxentina”.

Pola súa banda, Esteban Ares explicou que “en vista de como está o tempo, preferimos trasladar o concerto da praza do Concello ata o Polideportivo Municipal da Silva, que ten gañado moito en acústica cos últimos arranxos que lle fixemos, e así evitamos ter que adiar o certame por mor da choiva como ten pasado en edicións anteriores”.

Finalmente, Silvia Agrafojo agradeceu o traballo da Asociación Cultural Prudencio Romo e da Banda de Música de Lousame por manter esta homenaxe “a un gran mestre da ensinanza musical e que foi director das bandas de música de Outes, Taragoña e Lousame” e convidou a toda a veciñanza a achegarse este domingo polo polideportivo municipal da Silva. A entrada é totalmente libre e de balde.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.