Conferencia en Ribeira sobre o artista Francisco Miguel a cargo de Carlos L. Bernárdez

O Museo do Gravado de Artes acollerá este xoves 18 de setembro de 2025, ás 20:00 horas, unha conferencia do historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez titulada “Francisco Miguel e a necesaria recuperación da memoria artística de Galicia”.
O acto enmárcase no ciclo de charlas divulgativas “A vangarda arrebatada”, organizadas pola Deputación da Coruña e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), en colaboración co Museo do Gravado.
Xunto ao relator intervirán tamén Xoan Pastor Rodríguez Santamaría, director do Museo do Gravado; María Xesús Blanco, presidenta da A. C. Barbantia®; e Carlos Cimadevila, presidente da ARMH da Barbanza.
Francisco Miguel, unha memoria recuperada
O pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897 – Bértoa, Carballo, 1936) foi unha das figuras centrais da arte galega das primeiras décadas do século XX. Ligado ao núcleo coruñés que deu orixe á revista Alfar, a súa obra evolucionou desde os inicios vangardistas ata a figuración propia da arte europea de entreguerras.
Nas súas viaxes por Europa e América mantivo contacto cos principais artistas do momento. A súa traxectoria truncouse tras o golpe militar de xullo de 1936, cando foi detido e asasinado polos sublevados fascistas, que soterraron non só o seu corpo, senón tamén a súa obra.
En 2023, a ARMH procedeu á exhumación dos seus restos, que foron entregados á cidadanía nun acto de homenaxe e soterrados no cemiterio coruñés de San Amaro.
Carlos L. Bernárdez
O relator da conferencia, Carlos L. Bernárdez, é historiador da arte, académico, ensaísta e comisario de exposicións. Especialista na vangarda histórica galega, publicou diversos estudos sobre a arte contemporánea en Galicia e sobre artistas como Maruja Mallo ou Luís Seoane. Ademais, colabora activamente no equipo de investigación e difusión da obra de Francisco Miguel.



