A área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza conmemorou este xoves o Día Mundial do Alzhéimer, que oficialmente se celebra o 21 de setembro, cunha xornada de concienciación en colaboración coa Asociación Galega de Enfermidade de Alzhéimer (AGADEA). Para a ocasión instaláronse mesas informativas no Hospital Clínico de Santiago e no Hospital do Barbanza, que foron visitadas por representantes da dirección sanitaria e do servizo de Neuroloxía.

A demencia é un síndrome clínico que afecta a múltiples áreas cognitivas e provoca unha perda progresiva de autonomía. O 60% dos casos débense á enfermidade de Alzhéimer, aínda que existen outras causas de deterioración cognitivo, algunhas delas evitables.
En Galicia estímase que hai arredor de 36.000 persoas diagnosticadas con demencia, cun incremento anual de 5.700 novos casos. A Unidade de Neuroloxía Cognitiva da área de Santiago-Barbanza atendeu no último ano 3.850 pacientes con sospeita de deterioración cognitiva, mantendo seguimento activo a uns 2.800.
Non todo déficit cognitivo implica demencia: no caso da Deterioración Cognitiva Leve (DCL), presente en ata o 25% da poboación maior, só un 10% evoluciona cara a unha demencia. Aínda que se identificou a proteína amiloide beta como un factor clave no proceso, a causa exacta do Alzhéimer segue a ser descoñecida.
Existen factores de risco evitables, como traumatismos craniais, obesidade, sedentarismo, diabetes, hipertensión, consumo de alcol e tabaco, así como o illamento social, a depresión, a perda auditiva e a falta de exercicio intelectual.
O diagnóstico segue a ser clínico, apoiado en probas de neuroimaxe (TAC, RM, PET) e, máis recentemente, na análise do líquido cefalorraquídeo e mesmo do sangue, que permite detectar alteracións das proteínas asociadas ao Alzhéimer.
Na actualidade non existe cura e os tratamentos dispoñibles teñen unha eficacia limitada, retardando nalgúns casos a progresión da enfermidade. A Axencia Europea do Medicamento (EMA) aprobou recentemente dous fármacos (Lecanemab e Donanemab) dirixidos a fases iniciais, aínda pendentes de avaliación polas axencias nacionais debido ao risco de complicacións hemorráxicas en parte dos pacientes.
Ademais do reto sanitario, a demencia supón un enorme desafío social e familiar. A maioría dos enfermos reciben coidados informais no fogar por parte de familiares, un apoio que se mantén mesmo en casos de institucionalización. Por iso, especialistas lembran que a demencia é tamén unha “enfermidade familiar”, que require acompañamento e axuda aos coidadores.
“Un paciente con demencia necesita manter as súas rutinas, mentres que unha persoa maior sa debe evitalas”, sinalan os expertos, resumindo a importancia de diferenciar o coidado terapéutico da prevención.



