O Concello de Boiro abre o prazo de inscrición nas Aulas de Educación Secundaria para Persoas Adultas para o curso 2025-2026. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 3 ao 22 de setembro e deberá facerse mediante o Rexistro Xeral. O Concello explica que “estas ensinanzas están destinadas a persoas maiores de 18 anos que non posúan o título da ESO e ofrecen a posibilidade de adquirir, actualizar ou complementar os coñecementos e aptitudes do alumnado para o seu desenvolvemento persoal e profesional”.

Entre os obxectivos específicos destas aulas están os de adquirir e actualizar a formación básica, mellorar a cualificación profesional, adquirir novos conceptos, técnicas e habilidades para unha adaptación ao mundo laboral actual.
Ofrécense un total de 50 prazas nos catro módulos, 1º, 2º, 3º e 4º, podéndose realizar dous módulos en cada curso escolar e cada un dos módulos consta de varios ámbitos: científico-tecnolóxico (matemáticas, bioloxía, física); lingüístico (galego, castelán, inglés ou francés) e o ámbito social.
Os cursos son cuadrimestrais e o horario das clases será de luns a xoves de 20.00 a 22.00 horas no Centro Social de Boiro para que sexan compatíbeis coa xornada laboral. A aula de educación para persoas adultas do Concello de Boiro está adscrita ao IES San Clemente de Santiago de Compostela, desprazándose o profesorado ao centro e Boiro para as avaliacións.
Para a inscrición as persoas interesadas deberán presentar a documentación correspondente segundo se comezan ou continúan estudos. Toda a información para a inscrición está dispoñíbel na web municipal, na Casa da Cultura de Boiro, no teléfono 981 84 84 25 ou en educacion@boiro.gal.



