O vindeiro sábado 20 de setembro, a vila de Noia volverá amosar a súa solidariedade coa tradicional andaina Noia en marcha contra o cancro, unha cita xa consolidada no calendario local que ten como obxectivo a recadación de fondos para a investigación contra o cancro.
A marcha dará comezo ás 17:00 horas dende a Alameda, cun percorrido de 3 quilómetros que transcorrerá polo centro histórico, o paseo marítimo e de volta á Alameda, converténdose así “nunha oportunidade para combinar deporte, convivencia e solidariedade”, en palabras das organizadoras.
A participación ten un custe de 8 euros para adultos e 5 euros para nenos e nenas ata 12 anos. Ademais, aquelas persoas que non poidan asistir dispoñen da opción de colaborar a través do Dorsal Solidario, dispoñíbel na web oficial.
A recollida de dorsais e camisetas poderá realizarse o mesmo día 20 de setembro, en horario de 11:00 a 16:30 horas na Alameda.
Na presentación do evento estiveron presentes representantes de Noia Histórica e da Asociación Española contra o Cancro (AECC), entidades colaboradoras na organización da actividade.
A concelleira de Deportes, Sandra González, destacou “o traballo das voluntarias que fan posíbel esta marcha” e fixo un chamamento á cidadanía “para participar nunha iniciativa que combina saúde, unión e compromiso social fronte a unha enfermidade que nos afecta a todas e todos”.
Con esta andaina, Noia reafirma o seu compromiso” cunha causa que precisa do esforzo colectivo, convertendo cada paso nun xesto de esperanza”.




